David Otero e Mero Iglesias reciben o Salvoconduto de Honra de Capitán Gosende

Trátase do máximo galardón que outorga a asociación

David Otero e Mero Iglesias recibiron este domingo o Salvoconduto de Honra de Capitán Gosende. (Foto: Calros Solla)
photo_camera David Otero e Mero Iglesias recibiron este domingo o Salvoconduto de Honra de Capitán Gosende. (Foto: Calros Solla)

O colectivo Capitán Gosende da comarca da Terra de Montes entregou este domingo, 26 de novembro, e por “gozosa unanimidade”, o seu Salvoconduto de Honra (o máximo galardón que outorga a asociación) ao profesor, cantante e escritor Baldomero ‘Mero’ Iglesias e ao profesor e escritor David Otero.

Iglesias e Otero súmanse desde este domingo a unha listaxe de persoas distinguidas na que só figuraba a poeta Luz Fandiño, homenaxeada por Capitán Gosende no ano 2017.

Os dous galardoados neste 2023 recibiron o Salvoconduto de Honra polos “seus méritos abondos en prol da Galiza e da galeguidade, e como mostra de afecto, admiración e gratitude”.

A cerimonia de entrega decorreu nada menos que nun espazo tan emblemático como é o Campo das Laudas de Cerdedo (memorial de pedra que Capitán Gosende ergueu en memoria da veciñanza represaliada polo franquismo) nun “emotivo” acto ao que seguiu un xantar de confraternidade.

David Otero, colaborador de Nós Diario, é coñecido non só pola súa obra ensaística, narrativa e poética, senón tamén pola súa implicación en colectivos como a Fundación Castelao, a Fundación Alexandre Bóveda ou a Nova Escola Galega.

Baldomero Iglesias, coñecido artisticamente como Mero, é coñecido pola súa participación nas bandas Fuxan os Ventos e A Quenlla, que formaba con Xosé Luís Ribas ‘Mini’.  Ambos os dous cederon ao Museo do Pobo Galego unha importante colección de cantos, bailes, lendas e refráns recollidos ao longo da súa traxectoria.

 

Comentarios