Contracultura

David Calviño, de 'Onda Vital!!': "A xente nada nos 70 e 90 ten unha pegada do anime que se comezou a emitir daquela na Galiza"

David Calviño, xunto con Rubén Rial, é un dos fundadores da editorial Baixo Terra, que vén de publicar 'Onda Vital!!', un fanzine colectivo sobre o pouso que deixou o anime xaponés na Galiza. Calviño aborda tamén a próxima publicación da editorial: Croio Nº 0, que sairá a finais deste mes.
O deseñador David Calviño é un dos fundadores da editorial Baixo Terra (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deseñador David Calviño é un dos fundadores da editorial Baixo Terra. (Foto: Nós Diario).

—Como xurdiu a idea de pór en marcha a publicación de Onda Vital!!?
Desde que botamos a andar a editorial tivemos a idea de lanzar unha vez ao ano un fanzine contando con diversos autores, especialmente en relación á cultura popular galega. Pensando en temas para este matinamos en algo relacionado co Xabarín Club, mais non queríamos que fose tan obvio. Así, no mundo da ilustración, vemos que a xente que naceu entre os 70 e os 90 ten unha pegada innegábel dos animes que se comezaron a emitir na Galiza. Digamos que foi algo que deixou un pouso no maxín, na forma de facer, nos intereses... Inclusive no fanzine a nivel visual e estilístico creo que é algo que se pode apreciar moi ben. Así, con varias conversas na editorial fomos dándolle forma até o punto no que o título nos pareceu bastante obvio, non podía ser outro.

Á hora de contactar coas máis de 30 persoas que colaboran nesta publicación tivemos o problema, tan habitual na autoedición, que é o dos tempos. Púxose a data enriba e, aínda que tiñamos a idea de facer unha convocatoria aberta, acabamos contactando con persoas que xa tiñan colaborado con nós en obras anteriores ou que xa coñeciamos doutros proxectos.

Ao fin, o mundo da ilustración na Galiza é moi pequeno. A cousa foi que contando con que eran unhas datas complicadas decidimos contactar con 40 persoas, pensando que a metade diría que non, mais non foi o caso. Tivemos unha resposta esaxerada e nese sentido estamos moi contentos porque practicamente todo o mundo se animou.

—Ademais, o fanzine conta co prólogo de Suso Iglesias, cocreador do Xabarín Club e ex director da TVG.
Sempre nos gusta que os fanzines teñan un pequeno prólogo de alguén ao que o tema que se trata lle supuxera algo. Pensando nesta cuestión, evidentemente queriamos alguén que formara parte do núcleo do Xabarín e Suso escribe moi ben, polo que daba o perfil ideal para facer esta introdución. Desde o momento no que nos pasou o borrador do texto xa vimos o cariño que lle ten ao proxecto e o que supuxo para el ter sido partícipe de algo que foi unha parte tan importante dunha xeración.

Este anime podemos dicir que forma parte, dalgunha maneira, do patrimonio mundial, mais é certo que na Galiza houbo todo este microclima que propiciou o Xabarín de maneira que a forma na que se viviu foi moi concreta, causando ademais unha paixón desaforada. Non obstante, hai que ter en conta, que é algo que conta o propio Suso no prólogo, que estes animes eran os que se traían porque era o low cost da época. Hoxe en día é impensábel porque xa está máis solicitado e case podemos dicir que forma parte do mainstream, mais naquel momento era algo que se vendía por paquetes como quen di para encher canles locais e ocos de emisión. Era algo marxinal e claro que houbo sorte, mais penso que tamén foi dar un paso moi adiantado con respecto ao que se converteu 20 anos despois.

—Cales son os próximos retos da editorial?
Somos unha editorial independente de banda deseñada e ilustración. Rubén Rial, ilustrador, e eu, que son deseñador, decidimos lanzarnos a esta aventura hai cousa de dous anos para ter unha plataforma na que publicar os nosos traballos, así como os proxectos de ilustradores e ilustradoras que nos gustaban e que apreciabamos. Aínda que comezamos con esta idea que comentaba antes de publicar un fanzine colectivo de maneira anual, a nosa intención tamén era desde un principio facer pequenos libros que compilaran historias curtas.

Por fin, despois de ano e medio traballando neste proxecto, a finais deste mes contamos con poder publicar Croio Nº 0, o primeiro número desta colección e que contén historias creadas por Román Cuadrado, Adri Seara, Antonio Rodríguez e Rubén Rial.

Comentarios