domingo 25/10/20

A danza galega denuncia a falta de "compromiso" da Agadic

A Plataforma de Afectadas Polo Centro Coreográfico Galego (Paccg) mostra o seu descontento logo da reunión do grupo de traballo convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para discutir sobre a "elaboración dun plan para a danza na Galiza".

IMG_20200218_174914
Asinantes da Paccg, retratados logo da reunión coa Agadic. (Foto: Paccg).

A Plataforma de Afectadas Polo Centro Coreográfico Galego (Paccg), unha suma de máis de 277 profesionais, compañías e entidades da danza e das artes do movemento, asistiu durante a xornada de onte á reunión do grupo de traballo convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para discutir sobre a "elaboración dun plan para a danza na Galiza".

Logo da xuntanza, a Paccg denunciou a "discrecionalidade" coa que foi convocada por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, xa que os axentes participantes "foron escollidos pola propia Agadic", quedando fóra da mesma "moitos outros representantes de colectivos, compañías e festivais que solicitaran á súa presenza e que lles foi denegada. 

Tras trasladar as peticións da Plataforma de Afectadas Polo Centro Coreográfico Galego, previamente consensuadas, a Agadic comprometeuse a "revisar a fórmula e o protocolo de participación para garantir a pluralidade e o dereito a participación de cara a un futuro Plan da Danza".

Neste sentido, a Paccg sinalou que continuará "apostando pola mobilización do sector para seguir defendendo a vía da transparencia e da participación na construción e definición das políticas públicas". 

"Pronunciamentos claros"

No relativo ás reivindicacións concretas da Plataforma, "non se deu un compromiso firme por parte da Agadic -explican a Nós Diario-, nin en relación á renuncia á fusión do Departamento de Música e Danza, nin á recuperación da autonomía e capacidade do Centro Coreográfico Galego". "Non nos deron un pronunciamento claro en ningunha desas cuestións", engaden.

A Paccg fixo fincapé, ademais, na "necesidade" de que a Agadic "dea pasos adiante e tome medidas firmes e reais en prol da danza, que vaian máis alá de expresións voluntaristas e  oportunidades políticas". 

Nese sentido, insistiron "rotundamente" nunhas esixencias que, para elas, constitúen "un marco de mínimos que debe ser garantido pola Agadic de forma previa á formación dunha mesa que constrúa, a futuro, un Plan da Danza da Galiza".

O obxectivo final da Plataforma de Afectadas Polo Centro Coreográfico Galego é acadar "un consenso sobre os compromisos mínimos que condicionan a viabilidade dun futuro plan da danza na Galicia para que, alén dunha oportunidade política, signifique o afianzamento real das nosas prácticas dentro do programa institucional autonómico en condicións de igualdade con outras manifestacións da vida cultural".

comentarios