Da precariedade á crítica ao produtivismo: a visión da arte

A Fundación Laxeiro de Vigo inaugura 'O que hai', unha exposición con obras de novos artistas instalados na inestabilidade.
Vista dunha das salas da exposición.
photo_camera Vista dunha das salas da exposición.

Alberto Ardid (Vigo, 1986), Julio Catalán (Lugo, 1995), Mar Ramón (Valencia, 1993) e Estéfana Román (Vigo, 2000)  son os artistas presentes na mostra O que hai. Obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade, que se inaugurou esta terza feira na Fundación Laxeiro de Vigo.

O que hai é o primeiro proxecto realizado no marco do acordo de colaboración asinado coa Universidade de Vigo, que posibilitará un proxecto expositivo anual, realizado por artistas e comisarios/as vencellados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O acordo normaliza unha práctica habitual entre ambas institucións, que xa propiciou outras exposicións no pasado. 

Arte e precariedade

Alberto Santos, comisario da exposición, explica que a partir da crise de 2008, o alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra viuse mergullado nun contexto que facía case imposíbel desenvolver unha traxectoria con certa dignidade a toda unha xeración de artistas.

Os anos noventa e os primeiros dous mil, caracterizados por un apoio institucional á arte contemporánea sen precedentes, chegaban ao seu fin e comezaba un período de precariedade que aínda perdura. 

Parte do alumnado de Belas Artes tomou conciencia desa situación e decatouse de que se podía traballar desde a utilización de materiais humildes para construír unha obra que falase das precarias condicións de produción, mais tamén da falta de sentido da utilización de materiais novos nun contexto de crise non só económica, senón tamén ambiental. Xurdía así a crítica ás sociedades de consumo e á produción infinita, nun planeta con recursos limitados. 

Así, o que comezou como unha necesidade de subsistencia desta xeración, evolucionou a unha toma de conciencia de cara ás contradicións socioeconómicas do mundo actual: adoptáronse poéticas que, tanto na súa materialidade como na súa concepción formal, apelan a unha posición ética con respecto ás consecuencias do concepto mesmo de produción. 

Comentarios