Serxio Pazos será a figura homenaxeada no Festival Internacional de Curtas Vía XIV

Curtametraxes de 12 nacionalidades en Verín

Máis de 30 curtametraxes dunha ducia de países competirán no Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín, que homenaxeará este ano o actor e comunicador ourensán Sergio Pazos. O festival exhibirá en liña as curtas seleccionadas a través da plataforma Festhome. 
Unha imaxe da edición de 2020 do Festival Internacional de Curtas de Verín.
photo_camera Unha imaxe da edición de 2020 do Festival Internacional de Curtas de Verín. (Foto: FIC)

Este sábado 4 de setembro comeza a VI edición do Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV. Máis dunha trintena de curtametraxes de 12 nacionalidades distintas proxectaranse este ano durante os nove días que dura o festival, vinte e sete delas dentro da sección oficial. 

O documental Tierra de leche y miel, dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora inaugurará o festival. O filme -patrocinado polo Festival Internacional de Curtas de Verín- foi o gañador da sección DOC na 65ª edición do festival Seminci.

A Raia acolle obras de cineastas da Galiza e de Portugal e este ano presenta traballos de Irene Pin, Dani Viqueira, Pedro Neves Marques, David Fidalgo Omil, David Pinheiro Vicente, Alexandra Ramires, Xacio Baño e Eloy Domínguez Serén.

Catro seccións

As curtas proxectadas estarán enmarcadas nas seccións habituais do festival. A Raia acolle obras de cineastas da Galiza e de Portugal e este ano presenta traballos de Irene Pin, Dani Viqueira, Pedro Neves Marques, David Fidalgo Omil, David Pinheiro Vicente, Alexandra Ramires, Xacio Baño e Eloy Domínguez Serén

Horizontes incide na idea de horizonte como fronteira entre onde estamos e calquera outro lugar, e proxectará filmes de Vincent Toi -un cineasta canadense nado na illa de Mauricio-, Anna Hanslik -nada en Francia, formada en Londres e Barcelona e realizadora en América do Sur- e Denise Fernandes -nado en Lisboa de pais caboverdianos e criado en Suíza. 

Outra mirada está dedicada ao Entroido na máis ampla das súas acepcións: obras que experimentan coa linguaxe cinematográfica creando miradas alternativas. Este ano, o festival proxecta dentro desta sección A film, do sueco Martin Nilsson, e À propos de Lanzarote en général et de Michel Houellebecq en particulier, un filme de Vincent Tricon realizado a partir das imaxes que o novelista Michel Houellebecq filmou na súa viaxe a Lanzarote en 1999. 

Na sección Nova, finalmente, selecciónanse filmes que non teñen cabida nas anteriores: cinema de autor de cineastas como a sueca Morgane Dziurla-Petit, o belga Leonardo van Dijl, o suízo Roman Hodel, ou a estadounidense Elvira Lind, entre outros. 
O Festival exhibirá por vez primeira en liña as curtametraxes seleccionadas a través da plataforma Festhome 

Tempo Documentary 

Este ano, o FIC de Verín acollerá como festival invitado ao Tempo Documentary Festival, o certame de cine documental máis recoñecido e prestixioso de Suecia. 

Fundado en 1998, Tempo vén presentando desde o seu inicio documentais creativos de todo o mundo, que doutro xeito non chegarían ao público sueco. O festival estableceu unha forma única de presentar de traballos documentais, rachando coas fronteiras tradicionais entre xéneros: cine, radio, fotografía, así como formas de expresión máis experimentais. 

O FIC acollerá tamén unha presentación da webserie ourensá Os tempos mortos do führer e a estrea do documental Capuchóns -unha peza que recupera a esencia do entroido durante os anos 70, 80 e 90-, realizado polo tamén verinés Iñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. 

A musicalización de cinema mudo en directo, a cargo do Casperverk Trío e a presentación do libro Son para audiovisuais, do tamén verinés Rafael Godás, serán outras actividades que animarán esta edición do FIC.

Na homenaxe que se lle renderá a Serxio pazos proxectaranse algunhas das curtametraxes nas que participou ao longo da súa traxectoria.

Homenaxe a Serxio Pazos 

O actor ourensán Serxio Pazos será o artista homenaxeado polo Festival. Pazos posúe unha ampla traxectoria no teatro, o cinema e a televisión. O lapis do carpinteiro, As leis de Celavella ou Pratos combinados son algunhas das obras que lle deron popularidade ao actor  de Sandiás. 

Na homenaxe que se lle renderá proxectaranse algunhas das curtametraxes nas que participou ao longo da súa traxectoria. Posteriormente, o propio Pazos participará nun coloquio cos asistentes ao acto, que decorrerá, como o resto das actividades paralelas no Auditorio de Verín. 

Comentarios