Entrevista

Eloy Domínguez Serén: "O bo momento do noso audiovisual non é unha moda, non é un 'boom'"

Mañá remata o Festival du Court Métrage de Clermont-Ferrand (Francia), no que se proxectou a curtametraxe de Eloy Domínguez Serén (Meaño, 1985) 'Os Corpos', após a súa estrea no IDFA (Amsterdam) ou o seu paso polo Tempo Documentary (Suecia) e polo FICXixón. Unha achega táctil e absorvente ao Entroido, especial agasallo nos tempos das distancias. 
No centro, Eloy Domínguez Serén. Á esquerda, a súa irmá Alba, e á dereita, Beli Martínez. (Foto: Cedida)
photo_camera No centro, Eloy Domínguez Serén, nunha imaxe da rodaxe na que se aprecia o plástico protector da cámara. Á esquerda, a súa irmá Alba coa pértega, e á dereita, Beli Martínez,a produtora. (Foto: Cedida)

Os corpos céntrase nos entroidos de Laza e Maceda. Que o atrae desta festa?

Eu son do Salnés, no eixo atlántico, entón confeso que durante demasiados anos descoñecía estes entroidos. A primeira vez que fun foi, paradoxalmente, cando retornei de vivir durante varios anos en Escandinavia. Fiquei absolutamente fascinado, impresionado. Era unha parte da cultura galega que ignoraba, fóra do que vía nos medios de comunicación, e esa mestura de paganismo, de transo, de percusión, de lume... Xunto á parte máis enxebre, estaba tamén a máis terrorífica. Regresei cada ano, fun coñecendo máis entroidos: Maceda, Viana, Verín... Así decidín que quería tratar de retratar esta enerxía e vitalidade.

"Eu son do Salnés, no eixo atlántico, entón confeso que durante demasiados anos descoñecía estes entroidos"

Hai unha vontade, mediante o uso de certas estratexias narrativas (planos curtos, desenfocados, movemento da cámara...) de colocar a persoa espectadora   nunha experiencia inmersiva, como unha asistente máis.

Estaba claro desde o comezo que tiñamos que ser parte da masa, estar no núcleo da carallada, por dicilo dalgún modo. Era a única maneira de realmente retratar esa enerxía tan apoteótica. Tiña que ser algo moi físico e, sobre todo, sempre no medio, como parte da festa, deixándonos arrastrar por esa marea humana, zarandear dun lado a outro. É unha experiencia moi táctil. Na praza da Picota de Laza, por exemplo, veste empurrado, golpeado. A farrapada tamén consiste niso, neste caso lanzándose farrapos con lama, noutros casos con cinza, formigas, fariña...

OS CORPOS20b

E isto a nivel da rodaxe, como se xestionou? Porque meter unha cámara no medio de todo iso non parece especialmente doado.

Foi unha punkarrada absoluta [ri]. Tiven a fortuna de que a produtora, Beli Martínez, unha moi boa amiga, ofreceume a súa cámara (boísima, que ten máis mérito) e a ela mesma de gardacostas, como quen di. Eu ía coa cámara e por un lado estaba ela quitándome a xente de enriba, mentres polo outro ía miña irmá pequena, Alba, co son. Ademais, como están caendo cousas todo o tempo (farrapos, fariña, cinzas...), había que protexer a cámara, polo que pasei gran parte da rodaxe metido debaixo dun plástico, que facía as veces de chuvasqueiro. Non vía nada, só desde o pequeno buraco que fixemos para a lente da cámara. Beli íame agarrando e levando dun sitio para outro, onde vía interese. Levamos golpes por todos lados, pero foi marabilloso.

"Pasei gran parte da rodaxe metido debaixo dun plástico, que facía as veces de chuvasqueiro. Non vía nada, só desde o pequeno buraco que fixemos para a lente da cámara"

Ademais desa dimensión máis física, da que bebe o título, hai outra tamén máis misteriosa que semella emerxer con especial forza nos silencios, cando se deteñen os tambores, con atmosferas desacougantes.

Si. A miña primeira experiencia foi no folión de Laza, que comeza, como moitos outras, cunha carallada, unha algarada moi festiva que de repente se vai volvendo turbia, lúgubre, tenebrosa. Mesmo funesta. Quería traballar con este concepto dunha festa que comeza de maneira divertida e vai evolucionando cara a algo máis. Igualmente enérxico e vital, pero que ten escuridade.

OS CORPOS3Na montaxe traballamos moito o concepto do día e da noite. O primeiro é festa, caos, cores. A segunda son sombras, máis tétrica, lume, siluetas... Os rostros humanos van desaparecendo, converténdose en sombras, en borróns e, por suposto, en máscaras. O que para alguén pode ser unha resaca ou un fin de festa, para min intérnase xa no mundo do terror, dalgún modo.  Do misterio, do críptico.1M1A0332b1

Comentaba ao principio que nese primeiro encontro con este Entroido viña de vivir fóra. Cre que a emigración transformou a súa ollada cara ao propio?

Si. Neste caso viña de fóra de dous modos, porque o concepto que tiña de Entroido é totalmente distinto, o que acontece nestas vilas é único. Tamén viña de fóra, pero non de calquera fóra, senón de Escandinavia, que é o oposto á fisicidade, á proximidade, á intimidade. Tampouco quero alimentar o mito, pero o tipo de relacións que temos aquí, e espero que volvamos a ter, non existe alí. Celebracións tan bestiais, tan feroces, creo que son inconcibíbeis en Estocolmo. Cadrou que en 2016, cando voltei, do primeiro que fixen foi ir a ese Entroido.

"Hai un par de anos decidín que quería estabelecerme na Galiza e traballar aquí, con profesionais  e historias do país, en galego"

Ademais, esta curtametraxe, a nivel individual, é moi importante. Levaba moito tempo traballando en Suecia, as miñas anteriores películas son suecas, e hai un par de anos decidín que quería estabelecerme na Galiza e traballar aquí, con profesionais  e historias do país, en galego. Esta peza foi un primeiro paso que está indo moi ben, que afianza esa fe que tiña en desenvolver aquí a miña carreira.

Ao fío disto, como percibe a situación para traballar aquí?

A última década foi absolutamente extraordinaria, desde o punto de vista da calidade da produción. Vivimos un momento moi bo, que o leva sendo moito tempo. Non é unha moda, non é un boom. É algo sólido e afianzado, que estou seguro de que continuará sendo así. Todo é mellorábel, pero considero que temos un bo sistema de axudas, decatámonos cando falamos con profesionais doutras partes do Estado.

Deuse así un caldo de cultivo moi bo. Por un lado, hai unha filmoteca fantástica, o CGAI (Centro GAlego de Artes da Imaxe) que formou espectadores e espectadoreas, e hai xanelas de distribución, que son os festivais de distinta índole: documental, primeiras obras, experimental.... Niso somos moi privilexiados, Todo isto crea unha rede cinéfila. Todos nós, Oliver [Laxe], Xurxo [Chirro], Diana [Toucedo], Jaione [Camborda]... fomos usuarios e espectadores.

Está agora con outro proxecto en curso. Que nos pode contar del?

En novembro, xusto nesa semana que houbo un pouco máis relaxada, tivemos a fortuna de rodar unha curtametraxe de ficción, a miña primeira experiencia neste eido. Foi no Barbanza, onde eu levo tempo vivindo, producida por Zeitum Films (Felipe Lage). Narra a historia dunha parella moi noviña que ten un bebé de poucos meses, nunha vila mariñeira tradicional e empobrecida, na que tratan de sacalo adiante sen axuda dos seus respectivos pais. Foi filmada con actores non profesionais da zona. Estou moi satisfeito co equipo extraordinario que tiven e co resultado. Agora mesmo estamos montando. OS-CORPOS23

A nostalxia do físico

Os corpos rodouse a finais de febreiro, 15 días antes do estado de alarma. Durante a gravación "vimos algunha parodia sobre o coronavirus", comenta o director, "ninguén era consciente do que estaba por vir". Revisando o material "xa en pleno confinamento", ver "eses milleiros de corpos tocándose, abrazándose, danzando, colisionando era case inasumíbel, un shock", confesa.

Entre a estupefacción, a indredulidade e a nostalxia, o traballo foi case "terapéutico para manter a mente ocupada", mais tamén "doloroso". Pois Eloy Domínguez Serén sabía que "este tipo de situcacións poderían tardar moito en repetirse e veremos en que condicións". Así, inundábao a sensación "de estar retratando un tempo que non volverá existir. Espero que si, pero nese intre tan escuro semellaba algo crepuscular".

OS CORPOS - THE BODIES (Trailer) from Eloy Domínguez Serén on Vimeo.

Comentarios