A curta de Alberto Vázquez, 'Decorado', tamén na carreira aos Oscar

Esta curta do coruñés Alberto Vázquez, que xa gañou numerosos premios na súa andaina por festivais de todo o mundo, foi preseleccionada entre as 70 que aspirarán a entrar entre as cinco finalistas. 

decorado
photo_camera Fotograma de 'Decorado'

Na carreira cara os Oscar non estará soa representando a Galiza 'Migas de pan', a fita galego-uruguaia que representará ao país latinomericano na competición de mellor filme en lingua non inglesa. Este ano tamén unha curta galega, 'Decorado', estará la lista de 70 filmes para a categoría de Mellor Curtametraxe de Animación dos premios da Academia, un total récord para a categoría. Nos anos 2014 e 2015 clasificáronse 58 e 60 curtas respectivamente, o que denota o aumento do sector da animación nos últimos anos. Entre as 70 curtas preseleccionadas, 10 chegarán a unha 'shortlist final' e 5 serán finalmente as afortunadas que poderán ser nominadas a este prestixioso galardón internacional. 

A traxectoria internacional desta fita avala as súas posibilidades: estreouse no Festival de Cannes e triunfou no mellor festival do mundo da animación, o de Annecy, onde acadou o Prix Festival Connexion, ademais doutros moitos recoñecementos. 

'Decorado' acadou o premio Prix Festival Connexion do Festival de Annecy, o máis importante no eido da animación

Segundo nos contou o seu autor nunha entrevista o pasado xuño logo do premio de Annecy, 'Decorado' “é  unha fábula existencialista sobre o sentido da vida e da familia, das amizades e do mundo que nos rodea. É unha historia que está fragmentada en 18 escenas e ten un sistema narrativo particular e xoga un pouco coa parodia dos contos e das fábulas, o que pasa é que é unha especie de anticonto ou máis ben de antifábula”.  

A fita, que xa puido verse en Galiza en Curtocircuíto, “xoga con elementos propios dos contos, como poden ser os animais antropomorfos, porque os personaxes compórtanse dun xeito que, lonxe de ser os protagonistas planos ou alegres que intentan solucionar a súa vida, teñen conflitos moi humanos porque ao final, como todos os contos teñen unha moralexa, este ten unha antimoralexa. O personaxe que intenta fuxir do mundo que o rodea ao final acepta a súa situación e non hai unha solución”.

Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) é ilustrador, debuxante de BD e director de filmes de animación. 'Decorado' é a súa terceira curta logo de 'Birdboy' (2011) e 'Unicorn Blood '(2013). Tamén está percorrendo nos últimos meses os festivais internacionais coa súa primeira longa, 'Psiconautas'