O colectivo Rompente retoma o fío da provocación poética

A poesía de Rompente volve 40 anos despois da man de Editorial Elvira e baixo o título Que hostia din os rumorosos?. Ilustrado por Menchu Lamas e Antón Patiño, o volume recolle novas composicións do grupo e tamén os poemarios xa editados polo colectivo a finais dos 70 e comezos dos 80.
EuropaPress_3773692_anton_reixa_menchu_lamas_manuel_romon_alberto_avendano_anton_patino_editor
photo_camera Antón Reixa, Menchu Lamas, Manuel Romón, Alberto Avendaño, Antón Patiño e o editor Xabier Romero. (Foto: Europa Press)

O Grupo de comunicación poética Rompente, integrado por Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño, volve cun novo libro, Que hostia din os rumorosos?. O volume, que se presentou na sexta feira en Vigo, está composto por poemas inéditos elaborados nos últimos meses e engade composicións realizadas no primeiro período do colectivo, de 1975 a 1983. Publicado pola editorial Elvira, ilustrado e deseñado por Menchu Lamas, Rubén Romero e Antón Patiño, o limiar da obra está asinado polo músico Julián Hernández, de Siniestro Total.

Que hostia din os rumorosos? estrutúrase en catro partes: “Derrotas”, da autoría de Manuel Romón; “Carallo 29!”, de Alberto Avendaño; “Room Service”, por parte de Antón Reixa; e “Rompentres”, da elaboración conxunta dos tres autores. 

“A volta de Rompente é tan anecdótica como o feito de que un de nós, Alberto Avendaño, estivera a vivir nos Estados Unidos de América dedicado ao xornalismo, na edición hispana de The Washington Post, e ao volver motivase que el, Romón e eu nos xuntáramos”, explica a Nós Diario o músico Antón Reixa, en relación ao retorno do grupo poético. 

"O ambiente literario da Galiza hai 40 anos non nos resultaba nada confortábel; porén, o paso dos anos parece que nos reconecta coa poesía actual galega", comenta o autor, que destaca sobre todo o papel das mulleres na poesía da Galiza.

Un punto no que coincide Manuel Romón, quen lembra que "cando empezamos a finais dos 70 a nosa loita sempre era a mesma, contra o social-realismo que todo o enchía e cando se saía de aí parecía que todo tiña que ser unha neolírica... E todo dentro dun ambiente moi institucionalizado ou con pretensións de institucionalizarse". "O simple feito de estar aí xa implicaba unha confrontación", apunta.

Continuidade 'rompente'

"Se o confrontamos con aquelas persoas que xa sexan maiores ou teñan a posibilidade de ter memoria e recordar como eran aquelas publicacións nosas de finais dos 70, a sensación é de déjà vu, porque cos libros que faciamos daquela, tamén con Menchu e con Antón, “os Patiños”, vendo o novo volume hai unha ponte, como se aquel camiño inconcluso se estivese a culminar nesta nova biblia que acabamos de publicar", explica Manuel Romón.

"Hai un diálogo entre 40 anos antes e 40 anos despois, non unha ruptura, non hai un Rompente distinto", recalca, para explicar que "hai un fío condutor, o prólogo de Julián, como ben di Reixa, “o texto máis moderno e contemporáneo do libro”, e a efectos de Rompente el tamén é continuidade porque xa estaba alí e segue a estar .

Así tamén, Reixa engade: "Coido que estamos nos mesmos presupostos estéticos nos que estabamos a finais dos 70 e comezos dos 80". "É un intento de recuperarnos a nós mesmos, unha sensación parecida ás reunións de antigos alumnos, que logo de anos sen verse parece que estivesen xuntos o día anterior", engade Reixa.

Presentación e recitais

A libraría Librouro, na rúa Eduardo Iglesias do centro de Vigo, acolleu a presentación ás 20 horas do serán da sexta feira, “nun espazo exterior e simbólico como son as escaleiras, do vello cine Tamberlick, un cine polo que visualmente nos formamos milleiras e milleiros de vigueses”, comenta Reixa.

Desde aí o grupo realizará outras presentacións mais tamén unha "minixira" de recitais, para os que contan coa colaboración do Xacobeo 21-22 e que os levará a oito localidades. 

Uns eventos que "contarán con apoio visual e sonoro", explica Romón, "mais onde o texto cobra o protagonismo que sempre tivo, aínda que nos 70 e nos 80 con todo aquilo que faciamos non o parecese".

Comentarios