Culturgal acolle a despedida de Leilía e o último libro de Bernardo Atxaga

O programa ofrece, entre unha multitude de actos, a primeira análise da industria musical galega, adiantos de películas que se estrearán nos próximos meses, ou o primeiro episodio do podcast de Paula Carballeira e Berrobambán 13 Avisos. Historias para escoitar á noite.
O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra actuou durante a inauguración de Culturgal.
photo_camera O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra actuou durante a inauguración de Culturgal.

Esta sexta feira inaugurouse a 16ª edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que se celebra ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra coa ollada posta na captación de públicos e no avance dos fitos culturais que protagonizarán o 2024 no noso país.

Despois desta primeira xornada da sexta feira, Culturgal comeza co programa da fin de semana na que, previsibelmente, a afluencia de público será maior. 

Entre as múltiplas actividades que terán lugar hoxe destaca o concerto de despedida de Leilía. O grupo de cantareiras propúxose, en 1989, recuperar a tradición oral galega. Levaron aos palcos un espectáculo que, ao son de pandeiretas e voces, adubiaban con instrumentos da vida cotiá coma latas, sachos, tixolas… como se facía nas aldeas galegas cando se xuntaban as mulleres para se divertiren. Máis de tres décadas despois, dan por concluída a súa traxectoria detrás da que se agocha unha relevante tarefa de recollida e investigación na procura de letras e melodías que demostraron o indispensábel labor das mulleres galegas. 

 Ademais, Culturgal ofrece moito máis para este sábado. Ás 19 horas, Bernardo Atxaga presenta a a tradución ao galego do seu libro Exteriores do paraíso. (Kalandraka). Diego Salgado, Paula Pier e Samuel Merino protagonizan un slam de poesía oral ás 13 horas. Ás 20 horas será a quenda de Duoversos, recital poético de Marga Tojo e Samuel L. París. 

Silvia Penide (12 horas) e Ailá (18 horas) presentan os seus novos discos. É ás 13 horas darase conta da primeira análise realizada na Galiza sobre todos os axentes participantes na cadea de valor da industria musical. E ás 16 horas, un coloquio organizado por PuntoGal tratará as feiras de autoedición do país. 

Tampouco hai que esquecer que ás 17 horas, a ilustradora e baixista de Zënzar, Laura Romero, comparte un adianto do libro do 35º aniversario da banda. 

A escena ten unha cita ás 20 horas coa emisión en directo do primeiro episodio do podcast de Paula Carballeira e Berrobambán 13 Avisos. Historias para escoitar á noite. Cé Orquetra Pantasma presenta o seu espectáculo Animalada, para a cativada, ás 19 horas.

O dúo Olalla González e Marc Taeger e María Brenn estarán ilustrando en directo. E ás 12 horas presentaranse as vindeiras exposicións do Museo Gaiás. 

Para amantes do cinema, ás 19 horas comezará a proxección de Honeymoon, de Enrique Otero. Antes, ás 16 horas mostraranse fragmentos das películas que se estrearán proximamente,  Filmei paxaros voando, As Neves, La Parra, Da túa man para a miña, Aurora e Cine Paraíso, Leiro.  

Comentarios