Culturgal ofrece un programa para divertirse e pasar o día no Pazo da Cultura, tamén en familia

A Feira das Culturas Galegas abre as portas mañá ás 11:30h dunha edición que se presenta ateigada de actividades para contentar todos os padais
As crianzas gozan dun espectáculo de Culturgal 2022. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera As crianzas gozan dun espectáculo de Culturgal 2022. (Foto: Aigi Boga)

Culturgal xa comezou a conta atrás. A Feira das Culturas Galegas abre as portas mañá ás 11. 30 horas dunha edición que se presenta ateigada de actividades para contentar todos os padais. Unha das primeiras que vai acoller é a visita de varios centros de ensino, que farán esta sexta feira un percorrido guiado polo recinto e asistirán, para rematar, a un espectáculo de danza e acrobacia da man de Pista Catro. Esta acción dá conta da importancia que a cativada ten para Culturgal, que aspira tamén a converterse en referente para os máis mozos.

Baixo esta premisa, a Feira ten este ano unha ampla programación para toda a familia. Aos habituais espectáculos de contacontos como O lobo feliz (Miguel Guido), únenese propostas musicais como a de Carmen Penide en A fraga de Pasacorrendo, ou como a narración oral con ambientación sonora en O desencantamento (Miudiño). A música tamén virá da man de Cé Orquestra Pantasma, co seu espectáculo Animalada, ou dos grupos gañadores do premio Quero Cantar da Deputación da Coruña, Ritmo dos soños e Temos Terras.

O desfile ininterrompido polo escenario de infantil deixaranos apostas máis inusitadas como lecturas dramatizadas (A lagoa máis fermosa de todas as lagoas), presentacións de videoclips (Cholo e Nela), xogos interactivos (Antón e a moura do castelo)… Destaca ademais, dentro do Ciclo Ilustrando un contacontos con debuxo en vivo con Olalla González e Marc Taeger.

 

A aula 4 será unha porta ao pasado nunha viaxe virtual para camiñar polas rúas de O Vello Portomarín, tal como era antes de ser asolagado pola construción do encoro de Belesar en 1963. Entrar na aula 7 suporá pasear por unha ponte colgante que cruza o abismo da catarata de Yumbilla en Perú, nunha mostra da exposición Hábitats. Natureza estendida. Ambas as dúas propostas chegan da man do Museo Centro Gaiás, que tamén nos ofrecerá na mañá do sábado LUGH! Territorios Luminosos, unha sesión de xogo en familia que avanza a súa programación para o Nadal na Cidade da Cultura.  

O Pazo da Cultura acollerá tamén unha chea de obradoiros concibidos para as crianzas, moitos deles enfocados a desenvolver a súa creatividade: “Burbullas de emocións”, “Poesía visual sobre louza”, “3, 2, 1... Artistas en acción!”, “FOTOcreacións”… Haberá igualmente oportunidade de coñecer mellor o medio (“O bosque é a nosa casa”), aprender a facer instrumentos tradicionais, elaborar monicreques con refugallos (“Ecoconfeccionando sono”) ou achegarse ao universo da cianotipia (“Pupila Azul”). Moitos deles teñén prazas limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse en [email protected].

 

Bonos familiares

Culturgal é un escaparate, pero tamén unha fiestra ao futuro. Unha xanela que non ten sentido sen público. As entradas, xa á venda, teñen un prezo reducido a través da web de tan só 3 euros para un día e 5 euros para os tres. Isto supón un aforro en relación a anos anteriores dun 25%. Na billeteira o prezo será superior. Existen tamén entradas especiais para as nenas e nenos e packs familiares. Con isto, a Feira procura ser un lugar amigábel para todas as idades, no que as crianzas disporán ademais dun espazo de xogo e coidados. Igualmente, entre os servizos do recinto atópase un restaurante con menú a 15 euros e dúas cafeterías, unha no lugar habitual e outra situada no espazo Arte.

A Feira das Culturas Galegas ofrece este ano unha programación ampla e plural, que aspira a retratar a variedade de propostas que existen a día de hoxe. Dentro desa heteroxeneidade poden atoparse desde a despedida dunha banda tan  fundamental para entender o presente da música galega como é Leilía, até actividades que nos achegan ás apostar de novos creadores, como a da aceleradora SonEmerxente. Desde o que triunfou no cinema este ano aos filmes que van marcar a carteleira do próximo ano. Todo isto, sen esquecer o seu labor como punto de encontro estratéxico para profesionais, que analizarán o estado do sector musical e teatral, ou poderán asistir a unha xornada formativa sobre a xestión de axudas europeas. Culturgal é para todos os públicos. Tantos como culturas galegas.

Comentarios