'Nós Diario' e 'Sermos Galiza' estarán presentes en Culturgal

Nós Diario / Sermos Galiza participará nesta edición de Culturgal cun posto propio no que o público poderá atopar toda información sobre o xornal e o semanario, xusto despois de que o único diario en papel publicado en lingua galega acadase os 1.000 números o pasado dia 11 de novembro. 
O posto de 'Nós Diario / Sermos Galiza' no Culturgal de 2022.
photo_camera O posto de 'Nós Diario / Sermos Galiza' no Culturgal de 2022.

A gran cita anual das culturas galegas celebra a súa 16ª edición en 2023, do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Culturgal preséntase este ano como un encontro de profesionais que favorece e promove a cooperación e o apoio mutuo e tamén como un escaparate no que o público poderá atopar o que vai suceder no mundo da cultura nun futuro inmediato. 

Nós Diario / Sermos Galiza participará nesta edición de Culturgal cun posto propio no que o público poderá atopar toda información sobre o xornal e o semanario, xusto despois de que o único diario en papel publicado en lingua galega acadase os 1.000 números o pasado dia 11 de novembro. 

No posto, ademais, o público poderá adquirir algúns dos monográficos Nós Diario publicou ao longo deste tempo: entre outros, o dedicado ao Escudo do Reino de Galiza, de Héitor Picallo; Galiza 1968. A consciencia avivada, no que se repasan a reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha do movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa ou as protestas dos universitarios composteláns naquel ano; Renacer á descuberta das palabras, dedicado á figura de María Victoria Moreno; ou Rebeldía galega contra a inxustiza, que estuda as revoltas agrarista na Galiza da Restauración. 

Tamén estarán a disposición das persoas visitantes libros como As contas que nos contan, de Xosé Díaz Díaz, Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, de Lois Diéguez ou os cinco volumes editados co gallo do décimo aniversario de Sermos Galiza: Ao pé da terra, Dar que pensar, Eira das mouras, Foron por elas ou Relatan...Nós

Ademais, o sábado ás 18 horas, Xoán Colazo asinará exemplares do seu libro Cento doce viaxes na miña terra, un volume de case 500 páxinas no que o autor plasma as súas reflexións sobre diferentes lugares da xeografía física e humana da Galiza, despois de anos de percorrer os camiños do país durante anos, como membro do colectivo Xea. 

Por outra parte, nos tres días da feira o stand de Nós Diario / Sermos Galiza ofrecerá información a todas as persoas interesadas sobre publicacións pasadas e futuras, a dinámica do xornal e as distintas fórmulas de suscrición ao xornal. 

 

Algunhas citas para hoxe 

Culturgal inaugúrase ás 12 horas, cunha actuación do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Entre a multitude de actos que se desenvolverán no Pazo da Cultura destacan o avance do programa de actividades coas que o Centro Dramático Galego celebrará o seu 40º aniversario en 2024 (13.30 horas); a presentación ao público de Ollar, un proxecto de divulgación da fotografía de autor na Galiza  (16 horas) e da Fundación Manuel Moldes (16.30 horas); a celebración do XX aniversario de Rei Zentolo (17 horas); ou o adianto do espectáculo poético musical de Mónica de Nut e Iria Pinheiro Kennebec (20 horas). 

Ás 18 horas Dores Tembrás e Susana Pedreira protagonizarán unha conversa recital. Á mesma hora María Montes e Andrea García Martínez comparten o seu proceso creativo debuxando en directo ás 18 horas, igual que Fran Bueno ás 20 horas. 

Tamén se presentarán os gañadores dos certames literarios da Deputación da Coruña (16 horas) e os proxectos incluídos na aceleradora de proxectos musicais Son Emerxente (17 horas). 

Comentarios