Cinema

'Honeymoon' estréase no Festival de Cans

O filme de Enrique Otero abre oficialmente o festival do Porriño.
María Vázquez no coloquio xunto ao director de "Matria", Alvaro Gago. (Foto: Cris Andina)
photo_camera María Vázquez no coloquio xunto ao director de "Matria", Alvaro Gago. (Foto: Cris Andina)

O Festival de Cans viviu esta cuarta feira a segunda xornada da súa XX edición, dedicando a súa programación ao cinema e a música do país, coa estrea do documental Florencio, o cego dos Vilares, un coloquio sobre o filme Matria cos seus protagonistas e un broche final cunha noite de actividades dedicada aos veciños da aldea, os grandes protagonistas do evento. 

Un dos momentos estelares chegou a mediodía no Torreiro cun debate sobre o proceso de creación de Matria, o filme galego que está a triunfar nas salas de rodo o Estado con uns protagonistas moi unidos a Cans, como o director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez.

Tamén se incorporou ao debate Eduardo Rodríguez Cuña “Tatán” e actuou como presentador o director do festival, Alfonso Pato. 

Despois do coloquio tivo lugar tamén no Torreiro a sesión vermú Povarelo na que participaron as violinistas María Jorge, Aldara Souto, Begoña Riobóo e Antía Ameixeiras, xunto ao tamén violinista Carlos Quintá e ao músico Pancho Álvarez, que ademais é o director do documental Florencio, o cego dos Vilares. Ante un público moi animado tocaron varios temas do repertorio tradicional do propio Florencio. 

A xornada desta quinta feira conta de novo cunha programación chea de propostas interesantes para todos os públicos. Destaca o coloquio que terá lugar a mediodía no Baixo de Carlos de Cans, que reunirá vinte e cinco anos despois da súa estrea ás actrices da emblemática serie galega Mareas Vivas. Pola tarde a activade desprazarase ao Porriño.

No Circulo Recreativo Cultural (17 horas) proxectarase a longametraxe Unicorn Wars, do director Alberto Vázquez  e a partir das 20:30 horas terá lugar a apertura oficial do festival coa proxección da película Honeymoon, do director Enrique Otero, que contará coa asistencia do equipo do filme. A actuación de Paloma, tamén no Circulo Recreativo Cultural, pechará a xornada. 

Comentarios