Chévere, Marful ou Óliver Laxe son algún dos nomes destacados

O Culturgal 2019 aposta pola cultura “diversa e accesíbel”

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle, un ano máis, a Feira das Industrias Culturais da Galiza (Culturgal), que se desenvolverá entre os días 29 de novembro e 1 de decembro. Nesta edición, a organización quixo demostrar que se trata dun certame “sen estereotipos” elaborando unha programación marcada pola diversidade.

rolda de prensa Culturgal 2019
photo_camera Presentación do Culturgal 2019 (Culturgal)

A Feira das Industrias Culturais da Galiza (Culturgal) alcanza a súa 12ª edición realizando un chamamento a público, entidades, patrocinadores, empresas, profesionais e artistas plasmado no lema Dálle unha volta á feira!, co que pretenden reflectir a “diversidade” que caracteriza o evento, que se desenvolverá entre o 29 de novembro e o 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Os visitantes terán a oportunidade de coñecer autoras, autores, artistas, xornalistas, músicos e xentes do teatro, do cinema e da televisión, así como de informarse sobre as novidades e o que virá na cultura na Galiza.

"E, como non, tamén a ocasión de atopármonos a xente Culturgal, da que non hai estereotipo, porque a feira ten a capacidade de atraer a diversidade en idades, intereses e gustos. E iso é o que significa Culturgal”, subliña o seu director, Xosé Aldea.

Así o sinalou durante a presentación do programa completo, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, e que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Agadic da Xunta; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Carme Fouces, concelleira de Cultura en Pontevedra.

Culturgal para todos os gustos

Con 85 stands no recinto e 18 no Espazo Arte Contemporánea, o percorrido pola feira ofrecerá unha completa panorámica da actividade cultural, con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns, compañías, etc.

Miguelanxo Prado, Ledicia Costas, Oliver Laxe, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Sabela Ramil, Mabel Rivera, El Hematocrítico, Dios Ke Te Crew, Berta Dávila, Tanxugueiras e Xurxo Souto son tan só algúns dos moitos nomes e encontros que se darán cita nesta 12ª edición do Culturgal.

A feira distribuirá as súas liñas de programación en diferentes escenarios, denominados Infantil, con contacontos, baile, ou obradoiros; Foro, un espazo recollido de presentacións e encontros profesionais; Carpa, que acollerá espectáculos cun aforo máximo de 400 persoas; Libro, o espazo de referencia para o encontro entre autoras e autores e o público; e Cinema, unha sala na que atoparse coa colleita audiovisual do ano e adiantarse ao que virá.

Diversidade e rapazada como bandeira

Culturgal está considerada como “a festa da cultura feita no país, pensando en todas as idades, en todo o potencial do territorio e en todo o que queda por facer na diversidade e accesibilidade”. Xa que logo, a feira tamén recolle as preocupacións, ferramentas, accións e proxectos de axentes e públicos arredor dunha cultura “verdadeiramente inclusiva”.

“Nesta edición da Culturgal haberá moitas propostas e colaboracións con entidades e profesionais especialmente centrados na accesibilidade e na diversidade: co Centro de Recursos da ONCE de Pontevedra, potenciando a formación dos profesionais da cultura; con Entresignos, empresa de lingua de signos; coas sesións de contos inclusivos de ContAZ; ou coa sesión DJ do sábado a mediodía na que poderemos probar novas ferramentas para a comunidade xorda ou con problemas auditivos ao tempo que bailamos”, comenta o director, Xosé Aldea.

Asemade, tamén haberá espazo para a rapazada, tendo lugar unha programación especialmente dirixida ao público infantil, na que destacan María Fumaça, Mama Cabra ou Xoán Curiel, e que desde a organización consideran un dos puntos fortes da feira: “Somos conscientes do que empurran a feira os grupos familiares, as cativas e cativos. Para eles prepárase unha programación específica para que, desde o momento no que entran pola porta, teñan moito onde enredar. Tanto é así que as veces a oferta supéranos, por iso recomendamos ás familias que vexan o programa, as idades recomendadas e aquelas actividades que precisan inscrición para que gocen e aproveiten máis o Culturgal”.

Arte contemporánea

O Espazo Arte Contemporánea do Culturgal volverá a contar co Museo de Pontevedra, o CGAC e a Bienal de Cerveira, tres institucións que traen a súa mellor imaxe á feira. O espazo tamén acollerá dúas exposicións: unha de fotografía, co premio Luis Ksado da Deputación da Coruña; e O Camiño de Santiago Debuxado, con Joaquín González Dorado, unha proposta que trae á feira o Xacobeo.

No caso do cinema, cunha programacion coordinada pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) o Culturgal acolle a preestrea de Eroski Paraiso, a película de Jorge Coira e Xesús Ron a partir da peza teatral de Chévere do mesmo título, e recibe a Oliver Laxe que presentará  o pase de O que arde ao publico da feira.

A carpa Culturgal para música ao vivo acolle 15 concertos en formato showcase: baile, tradicional, electrónica, rock e pop durante os tres días da feira con, entre outros, os novos lanzamentos de Dios Ke Te Crew e Tanxugueiras.

Comentarios