venres 15/10/21

A cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca

Campaña da área de Cultura da Deputación da Coruña co protagonismo de artistas, profesionais do sector e cidadanía para defender que a  cultura “constrúe unha sociedade viva”. Vídeo no interior.

vìdeo
vìdeo

O mundo da cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alierce dunha sociedade.

A nova campaña de promoción da área de Cultura da Deputación da Coruña quere ser un apoio cunha mensaxe clara: o dereito social de acceso á cultura, "a cultura é un dereito". 

Con este obxectivo, o proxecto contou coa participación dun amplo grupo de artistas e profesionais de distintos ámbitos culturais que poñen voz á mensaxe que se dirixe a apoiar o sector e a o dereito social de acceso a cultura, en calquera situación.

O actor teatral e director, Quico Cadaval, e o grupo de música Pesquedellas sobre o escenario do Teatro Colón da Coruña é o punto de inicio do vídeo que se difunde nas redes sociais. 

A seguir, persoas e grupos de distintos ámbitos da cultura participan no vídeo que traslada unha mensaxe de ánimo ao sector e da necesidade de que a cultura continúe vive nun momento en que as limitacións impostas pola Covid está a "cancelar" grande parte da actividade ao vivo nos últimos meses. 

Ademais de Quico Cadaval, a actriz Isa Risco e o actor Miguel Pernas do ámbito das artes escénicas; os directores Alfonso Zarauza e Lois Patiño, a muralista e ilustradora Lidia Cao e a deseñadora gráfica Isabel Vila; Pesquedellas e Xacarandaina da cultura tradicional e popular ademais do Coro Cantábile; a directora da MICE, Ana Estévez, a música Belén Bermejo ou a Escola Unitaria como proxectos de xestión culturais, o grupo musical Verto ou Isma e Suso de Toro, Antía Yáñez e Antón Lopo desde a escrita literaria compoñen a nómina de participantes no vídeo promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña. 

A mensaxe que ser quer trasladar é a de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

comentarios