A cultura supón o 2% do PIB galego e o 3% da forza laboral

Segundo o Observatorio da Cultura Galega ese é o peso da industria cultural no conxunto da economía do país, iso si, do ano 2011, cando xerou un total de 1103 millóns de euros. Este sector está conformado por 5747 empresas culturais que empregan 30828 persoas e son maioritariamente PEMEs. 

Esta radiografía do sistema cultural e empresarial galego así como do seu impacto no conxunto da economía galega conforma o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, e titúlase O sistema produtivo da cultura. A recuperación das exportacións e un incremento nun 84,7 % das importacións completan o balance deste sector.

Segundo as cifras que contabiliza o Instituto Galego de Estatística, fonte que emprega o Observatorio para a elaboración deste Documento de Traballo, a cultura achega 1103 millóns de euros, un 2 % do PIB. Ademais, a cultura empregou 30.828 persoas, o que supón o 3 % da forza laboral galega. Dentro da produción do ámbito cultural, son as artes visuais (fotografía, publicidade, arquitectura, pintura e escultura…) as que xeran un maior valor, un 35,1 % do Valor Engadido Bruto (VEB), seguidas pola edición de libros e da prensa (26,8 %) e do audiovisual e multimedia (16,85 %).

O estudo tamén achega cifras sobre as diferentes fases dun produto cultural, onde a creación e produción ocupan o lugar máis destacado (cun 70,6 %) do valor engadido xerado. Séguelle a difusión, distribución e comercialización cun 12,6 %, a fabricación cun 10,9 % e a promoción cun 4,2 %.

Pequenas empresas

En canto á dimensión empresarial do sector, está conformado por 5.747 empresas, que representan o 5,3 % do total español e se sitúan en quinta posición. Con todo, esta realidade amosa unha tendencia á baixa, logo de que en 2011 acadase teito con 5957 unidades. Desde entón, foron as empresas relacionadas co cine, vídeo, radio e televisión así como a edición musical as que rexistraron maiores caídas. 

Nunha análise desas empresas tendo en conta o número de asalariados, a lectura é ben diferente: o 58,2% das empresas rexistradas en 2015 non tiñan ningún empregado e o 99,5% delas son PEMEs, é dicir, teñen menos de 50 traballadores. 

Importacións/exportacións

As empresas culturais galegas en 2015 exportaron 4,8 millóns de euros, 200.000 euros máis que en 2014, por mor do aumento no sector das actividades de creación artística e espectáculos. Con todo, a cifra segue por debaixo do total acadado no ano 2011, cando se rexistraron os volumes máis altos ao superar os cinco millóns de euros en exportacións.

Se miramos cara ao outro lado da balanza, o que ten que ver coas importacións, en 2015 rexistrouse un incremento dun 84,7 % con respecto ao ano anterior e situouse en 6089,6 millóns de euros. Ese aumento débese, principalmente ao peso do sector das artes gráficas e reprodución de soportes gravados.

Comentarios