Cultura presenta Santiago Olmo como novo director do CGAC

A Consellaría de Cultura presentou esta quinta feira a Santiago Olmo como novo director do CGAC, sen responder ás alegacións do proceso de selección. 

olmo
photo_camera olmo

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez xunto co Secretario Xeral, Anxo Lorenzo presentaron en rolda de prensa ao novo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo. No acto estiveron acompañados polo vogal do Padroado do Centro, Carlos Rosón, despois de que, no polémico proceso de selección dimitiran a presidenta, a médica e coleccionista Sofía Santos Pérez e a vocal, a profesora Marisa Sobrino. 

Santiago Olmo, que fixo a súa intervención en galego, destacou a importancia do equipo na xestión do medio mais evitou se manifestar sobre as liñas concretas de programación que se iniciarán na nova etapa. De saída, Olmo negou a posibilidade de iniciar o novo curso despois do verán con novas mostras debido a curto tempo para preparar novos proxectos. De feito, o acto coincidiu coa presentación da nova mostra con fondos propios titulada "Reflexións. Colección CGAC" comisariada por Christina Ferreira que, segundo o novo director, foi montada nun tempo marca. Apuntou que o centro establecerá diálogos da arte galega co mundo e estimulará a produción local. 

Un ano despois

O CGAC anunciou no pasado mes de xuño que as mostras “Como tizón queimado. Christian García Bello” comisariada por Alberto Cartón que tiña previsto previsto pecharse o 14 de xuño e “Téctonica”, a exposición do fotógrafo Manuel Vilariño  que remataba o 21 de xuño serán prolongadas ate setembro. 

Santiago Olmo toma posesión do cargo máis de un ano despois de que Miguel Von Haffe anunciara que non renovaría como director do CGAC. Despois dun proceso selectivo polémico, Santiago Olmo resultou gañador por centésimas mentres os outros dous finalistas, os galegos Manuel Segade e Juan de Nieves presentaban alegacións ao proceso que, a día de hoxe, aínda non foron respostadas. 
 

Comentarios