Un CGAC “en situación crítica” coa “trapalleira” elección do director no aire chega ao Parlamento

A posíbel anulación do proceso de elección do director situaría ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) nunha situación límite, coa programación prevista por Von Haffe a punto de se esgotar. As irregularidades continúan coa convocatoria dunha nova proba unha vez finalizado o proceso. A Xunta terá que responder non só ás alegacións presentadas senón tamén no Parlamento. 

cgac
photo_camera cgac

Á Xunta complícaselle o proceso de elección do director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que substituirá a Von Haffe. Despois de rematar o proceso e anunciar o nome do elixido, Santiago Olmo, a presentación de alegacións por parte dos dous candidatos galegos que optaban ao cargo e que quedaron a pouca distancia do gañador está a facer subir chanzos no camiño do fiasco no que vive o centro de arte. Sen responder ás alegacións, os candidatos foron convocados para a vindeira segunda feira, día 25, a unha proba de idiomas, non prevista na convocatoria. 

Os dous candidatos galegos que foron finalistas canda Santiago Olmo no proceso, Juan de Nieves e Manuel Segade, continúan esixindo transparencia ao proceso que, segundo fontes próximas, apunta a ser unha escolla “a dedo” dun cargo nunha convocatoria enmascarada de “boas prácticas”, expresións que se impuxo nos procesos de elección referidos aos centros de arte. Os dous candidatos cuestionaban nas súas alegacións non só que fora a entrevista a que lle outorgara a praza a Olmo senón que o baremo, singularmente, primaba as publicacións fronte á experiencia en cargos similares de xestión de centros culturais, o que, ao seu ver, non se corresponde coa finalidade do cargo e si evidencia, pola contra, a vontade de beneficiar ao candidato finalmente elixido. 

Sen dirección desde decembro

A consellaría non se manifestou ao respecto das alegacións nin das irregularidades denunciadas no proceso mais terá que facelo en sede parlamentar xa que a deputada do BNG, Ana Pontón, vén de rexistrar na cámara unha pregunta para resposta en comisión sobre o proceso de selección do director. A deputada nacionalista fala da “situación límite” na que a Xunta está a situar a boa parte das institucións culturais e, en concreto, ao CGAC que leva sen director desde o mes de decembro. 

“Após coñecermos as alegacións e irregularidades neste proceso, toma moitos visos de veracidade a denuncia formulada de estarmos ante un concurso feito á medida dun nome, un simulacro de proceso aberto, mais predeterminado de antemán”, sinala Ana Pontón para quen, a decisión de convocar unha nova proba pon de manifesto “que existen irregularidades” no que define como “un proceso trapalleiro”. As preguntas formuladas pola deputada cuestionan o proceso, incluída a proba convocada para o 25 despois de dar por resolto o concurso, non recollida nas bases e esixe da Xunta  “responsabilidades” para garantir unha elección transparente e igualitaria. 

Comentarios