Lucía Carreira Pérez

"A cultura e a lingua son alicerces imprescindíbeis para termos unha Galiza de seu"

Esta terza a conversa con cultura galega noVenhan Máis Cinco ten como interlocutora Lucía Carreira Pérez, presidenta da asociación cultural e musical Solfa..

LucíaCarreira
photo_camera Lucía Carreira, no centro da imaxe

-Como avalías o estado actual da cultura galega?

-Temos unha riqueza cultural amplísima e diversa en todas as súas manifestacións, mais cada vez son máis os referentes culturais e simbólicos alleos. A españolización da sociedade e da cultura avanza a pasos axigantados, contribuíndo os medios de comunicación de maior tiraxe como a propia TVG, facendo máis efectiva a asimilación cultural e lingüística.

O PP sabe que a cultura e a lingua son alicerces imprescindíbeis para termos unha Galiza de seu, por iso desenténdese do apoio institucional á creación, produción  e expansión de todo o que é galego e non dubida en promover e potenciar o externo para calar e substituír o noso. Neste sentido o presente é desolador. Por exemplo, a música galega en todas as súas modalidades está ausente ou ten unha escasísima presenza na programación institucional. Continúan primando as programacións foráneas e as verbenas e festas populares imprégnanse de todo tipo de música menos da galega. Igualmente acontece coas artes escénicas e plásticas e co cinema galego que a súa existencia e todo un acto de heroicidade.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?

-A normalización cultural pasa por popularizar a nosa historia, os nosos símbolos, por coñecer e tomar conciencia da nosa identidade colectiva, é dicir, por deixar de ser subalterna da cultura española, mais para iso ten que haber unha mudanza radical en termos políticos para sermos nós mesmos. Do contrario o poder instituído terá como obxectivo continuar coa asimilación e a españolización.

De Sermos agardo que se consolide como o medio de referencia da maioría do pobo galego

Con gobernos e deseños políticos que procuran negarnos como pobo, aínda que o noso potencial sexa inmenso, é difícil avanzar, ir consolidando e afirmando a nosa cultura. Contamos cunha rede de asociacionismo cultural de base por toda a nosa xeografía que, malia a todos os obstáculos, está activando unha cultura viva e promovendo todo tipo de actividades e creacións culturais. E todo isto sen apoio da Xunta de Galiza que amosa un total desleixo, abandono e desconsideración con toda a nosa creación cultural e o noso amplo e rico patrimonio. Padecemos máis de 500 anos de colonización cultural, de negación da nosa condición de galegos e galegas e, porén, a nosa cultura segue viva. A cultura de base non só resistirá senón que avanzará, malia as barreiras, impedimentos  e as agresión recibidas. 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?​​

-De Sermos agardo que se consolide como o medio de referencia da maioría do pobo galego. É necesario que se asente a necesidade de ter que recorrer a lelo, non só porque ten a Galiza como centro e protagonista da información, senón, tamén, pola súa veracidade e rigorosidade en contraposición á manipulación e terxiversación doutros medios de grande tiraxe en Galiza. Son consciente das carencias coas que un medio como Sermos se enfronta a diario. Aínda recoñecendo as limitacións, estou certo que se consolidará como o medio de comunicación galego. Para isto habería que procurar termos unha información máis puntual do que é a actualidade e profundar máis no que é relevante social e politicamente.

Corrección: Na redacción orixinaria desta entrevista deslizouse un erro, ao atribuírmos a Lucía Carreira a condición de vicepresidenta da Federación Galega de Bandas de Música. En realidade, en tempos foi presidenta desa entidade, agora encabeza a asociación cultural e musical Solfa.

Comentarios