Encarna Otero

"A pesar do que se diga, a cultura galega goza de moi boa saúde"

En Venhan Máis Cinco conversamos con Encarna Otero, historiadora e ex directora xeral de Vivenda durante o bipartito, sobre a situación da cultura galega e a súa posíbel evolución. 

Encarna Otero
photo_camera Encarna Otero

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Eu teño tendencia a ser optimista e polo tanto coido que, a pesar do que se diga, a cultura galega goza de moi boa saúde. Moi boa saúde por parte da iniciativa privada porque no mundo da música, no mundo do cinema, no mundo da animación, mesmo no mundo do libro hai unha vitalidade, a pesar do abandono en que está a cultura por parte das administracións, sobre todo por parte do goberno galego, nalgúns concellos e deputacións xa hai outra política a favor da cultura. Pero creo que hai moita iniciativa por chamarlle “da xente” tanto coa súa capacidade de formación e de creación como pola súa capacidade de levar esta cultura ao mundo enteiro. Creo que falta unha asignatura pendente que é que temos a enorme vantaxe e sorte deses irmáns, de ter un idioma que nos permite comunicarnos con 250.000.000 de persoas no mundo e si que vexo que isto non está suficientemente aproveitado. 

Espero de Sermos que as informacións de tipo positivo, aquilo que facemos ben como país, se poña moito máis en valor

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
-Se a cultura está vinculada á capacidade demográfica, evidentemente, a evolución non vai ser boa porque Galiza é un país que está caendo. Si que quen ten máis vitalidade na cultura é a xente nova, nese sentido si. Pero tamén é verdade que somos un país lonxevo, un país no que a xente vive moito. Se esa xente con tempo libre e de vagar se incorpora á cultura porque ten máis capacidade de desfrutala pois efectivamente ese futuro é un pouquiño esperanzador.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Eu espero que siga sendo un medio de comunicación galego, en galego, coa cabeza, o corazón e os pés no país. Cun ollar posto no mundo desde Galiza. Agardo que as informacións de tipo positivo, é dicir, aquilo que facemos ben como país, se poñan moito máis en valor. E, enlazando co que dixen antes, hai que pór tamén máis en destaque as nosas relacións internacionais, non só con todo o universo da emigración galega e con aquelas e aqueles que como nós aspiran a ser un país libre de homes e mulleres, senón tamén con ese mundo da lusofonía. Como digo é a nosa irmandade. Hai que informar moito máis deses mundos e aproximalos a nós, en todos os planos, nas noticias, nas reportaxes...

Comentarios