xoves 13/08/20
Marta Dacosta

"A cultura galega está amordazada"

Unha das voces máis poderosas da poesía galega, Marta Dacosta, achega as súas impresións no VeñanMáis5 desta cuarta feira.

Marta Dacosta
Marta Dacosta

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Amordazada. Como a lingua. Impedida de mostrarse en todo o seu esplendor. A crise, o ive, o mercado, a lexislación... Porque no primeiro que penso é no goberno galego que acumula subterfuxios para non apostar realmente pola nosa cultura, mesmo como PIB, e iso mentres vemos como se dilapidan euros e máis euros en fundacións e actividades culturais que nin nos representan, nin se expresan na nosa lingua. Con todo, hai unha fenda de luz a través daquelas institucións que son responsábeis e pulan pola nosa lingua e a nosa cultura.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
-Teño a certeza de que o movemento asociativo vai seguir traballando arreo e vai darnos a oportunidade de gozar de toda a diversidade cultural en que o noso país é tan rico. O movemento asociativo foi e é fulcral para a nosa cultura. E ten futuro, el é o que nos sostén e nos fai medrar. Nada sería de nós sen as entidades de carácter nacional ou local que, ao longo do país, dinamizan a nosa cultura. E como son optimista, sei que este traballo intenso, que xa atopa apoios decididos nalgunhas institucións, acabará por mudar a quen ten as máximas responsabilidades e así poderemos iniciar un futuro vizoso para a cultura galega.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Agardo e desexo que amplíe a súa proxección e os produtos que publica. É un referente a día de hoxe en canto a xornalismo cultural. E esa referencialidade agardo que se consolide de cara ao futuro. Agardo e desexo que conte co capital necesario para ser cada vez un medio máis importante no noso país.

comentarios