A cultura estuda o seu impacto ambiental

A "XVI Xornada Innovación cultural e territorio", que se celebra no Pazo de Mariñán, está organizada pola área de Cultura da Deputación en colaboración co comisario Fran Quiroga.

Natividad de Jesús González e Fran Quiroga inauguraron a xornada.
photo_camera Natividad de Jesús González e Fran Quiroga inauguraron a xornada.

O Pazo de Mariñán foi onte o escenario de celebración da "XVI Xornada Innovación cultural e territorio", que forma parte do programa A Cultura é un Dereito, da Deputación da Coruña. Organizada en colaboración co comisario Fran Quiroga, pon o foco no impacto social e ambiental da cultura. A deputada de cultura, Natividad de Jesús González, inaugurou a xornada, acompañada do propio Fran Quiroga. 

A sesión, na que participaron profesionais de diferentes ámbitos do sector, estaba dividida en dous grandes bloques: un composto por mesas nas que compartir experiencias, e outro cun grupo de traballo. 

O obxectivo foi intensificar proxectos culturais onde a sociedade e o medio ambiente estean no centro. "Debemos entender a cultura dende unha dimensión moito máis ampla, que ten que ver co conxunto de relacións sociais e de prácticas humanas coas que definimos a nosa maneira de convivir e de estar no mundo" sinalou a deputada de cultura. 

 

Tecer vínculo social

Durante a súa intervención, Natividad de Jesús González, puxo en valor o potencial da cultura como unha ferramenta "que contribúe á cohesión social e ó sentimento de identidade e de pertenza, ó desenvolvemento das capacidades propias das persoas e das comunidades e ó medre da autoestima persoal e colectiva a través do coñecemento da nosa historia e da nosa memoria", apuntou. 

As diferentes mesas e participantes buscaron novas miradas na relación da cultura co medio, para así "ofrecer un sentido de vida diferente, axudar a tecer de novo vínculo social entre as persoas, volver a crear sentido de comunidade, axudar a descubrir e a poder desenvolver aquilo que levamos dentro e nos fai máis felices" destacaba a deputada.

 

Comentarios