venres 03/12/21

Os 'Referentes' da cultura íspense nun espazo que cede ao poder da conversa

O programa, conducido por Marga Pazos, estreouse hoxe con Mercedes Peón e Lucía Freitas
Mercedes Peón, Marga Pazos e Lucía Freitas conversan en 'Referentes'. (Foto: Deputación da Coruña)
Mercedes Peón, Marga Pazos e Lucía Freitas conversan en 'Referentes'. (Foto: Deputación da Coruña)

Elas, pioneiras. Elas, rompedoras. Elas, Referentes. Este é o título escollido para a nova iniciativa promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña, dentro da súa liña de acción A cultura é un dereito. Desta volta trátase dun programa de entrevistas pensado para a divulgación a través das redes, un formato que conduce Marga Pazos e que foxe do máis convencional para recuperar o espírito do diálogo.

A primeira entrega estreouse hoxe, en Facebook e Youtube, iniciando un ciclo de balde que procura alimentar o debate e o pensamento crítico enfrontando as olladas de persoas de referencia da cultura galega: artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas. Aínda que non só voces femininas, son elas as que dan o tiro de saída.

Entre as maquillaxes previas á rodaxe arrinca o primeiro capítulo, no que nunha auténtica declaración de intencións se presenta unha conversa a tres bandas entre a condutora e dúas mulleres que abriron camiño: Mercedes Peón e Lucía Freitas. Desde dous eidos absolutamente diferentes, como son a música e a cociña, as convidadas atoparán puntos de conexión na vivencia do confinamento e a propia experiencia do feminino en sectores masculinizados, incluída a maternidade.

Para Pazos foi "moi gratificante" gravar Referentes, pois non tiña que exercer "de xornalista nin de presentadora, simplemente tiña que presentalas e ver como se vai xerando a conversa", na que se atopa se cadra ese poder que "quizais botamos tanto de menos nestes tempos", explica a Nós Diario. Tamén había, por suposto, un punto de incerteza do que puidese acontecer, mais curiosamente acababan xerándose vínculos entre esas persoas que na maioría dos casos non se coñecían previamente.

O confinamento

 "Até chama a atención ver a cara completa da xente ", comenta ao comezo Pazos, após concluír que poden quitar a máscara, pois realizaron momentos antes as probas pertinentes. Así, a repercusión da pandemia colócase como o primeiro gran tema, desde a realidade máis inmediata de como transcorreu até a reflexión do que puido ou pode traer. A aldea agroma como escenario dos confinamentos, ese espazo diferente e creativo que pode transformar a crise nunha oportunidade.

Do desencanto coa política á esperanza no común

De aí cabalgamos á importancia actual da política, na que o diálogo enfronta un certo desencanto coa posibilidade de transformar o presente coa crenza inevitábel de que está nas mans do colectivo. "Cando deixas de crer que se pode cambiar o mundo... é o peor que hai ", confesa Freitas. Pola súa banda, Peón vencella isto coa realidade da vida dentro dun sistema capitalista, onde a base da acumulación acontece precisamente porque consumimos. Nese contexto, chama a non esquecer que cos movementos sociais se poden mudar as cousas, pero a falta das relacións condena ao inmobilismo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Parte da solución a estas lóxicas, coa dificultade de educar as crianzas noutra maneira de pensar, atópase para a intérprete en "botarse a bailar " e pór unha pandeireta na man de cada cativa e cativo. Así, a cultura tradicional como espazo de interacción constitúe para ela todo un movemento social.

A cultura é un dereito

O interesante do programa era non facer falar as convidadas do seu último libro, disco, filme ou espectáculo, senón coñecer a súa visión sobre a familia, a saúde ou a morte, esoutras arestas que non adoitan aparecer nos medios de comunicacións e coas que "calquera pode empatizar".

Pazos pregunta en certo punto sobre a premisa na que se enmarca o programa: é a cultura un dereito? Agora facémoslle a ela esta interrogación, que responde entendendo a cultura como un "ben" sen o que non nos poderiamos explicar a nós mesmas nin ao noso país. Sería moi difícil sobrevivir sen ela, polo que se existe un dereito á supervivencia, o da cultura debe estar aí, mais ao tempo tamén debe ser un dereito para as artistas poder vivir das súas creacións, non entender o seu traballo como "amor á arte". 

Os 'Referentes' da cultura íspense nun espazo que cede ao poder da conversa
comentarios