domingo 29.03.2020

Cultura destina 800.000 euros á creación escénica

A Xunta vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para a súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica, que se estenderá durante un mes natural, concretamente até o vindeiro día 20 de marzo.

Obradoiro do Centro Coreográfico Galego. (Foto: CCG).
Obradoiro do Centro Coreográfico Galego. (Foto: CCG).

A Xunta vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para a súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica, que se estenderá durante un mes natural, concretamente até o vindeiro día 20 de marzo.

A Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta da Galiza, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), sinala que traballou intensamente "na nova redacción destas axudas -que ten as bases súas bases publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG)- a partir das reunións mantidas ao respecto con Escena Galega, "a principal asociación representante das empresas escénicas da nosa Comunidade".

"O aumento da dotación nun 23%, chegando até os 800.000 euros", cambios puntuais nos baremos de valoración dos proxectos ou a creación dunha nova modalidade para actividade plurianual, "mediante a que se promove unha planificación a medio prazo por parte das compañías", son algunhas das novidades que resalta a Xunta da Galiza.

A Consellaría de Cultura indica, ademais, que estas achegas "sitúanse na liña das modificacións introducidas o ano pasado, e que se manteñen na nova convocatoria, como é o caso da discriminación positiva para as propostas de danza e artes do movemento (modalidade 3), ás que se destina unha dotación específica de 100.000 euros".

430.000 euros para teatro, novo circo e maxia

Para os espectáculos de teatro, novo circo e maxia (modalidade 2), a convocatoria de subvencións á creación escénica da Xunta da Galiza reserva un total 430.000 euros, mentres que o orzamento destinado ás compañías de nova creación (na súa modalidade 1) é dun total de 70.000 euros.

Polo que respecta á nova categoría para actividade escénica de carácter plurianual (modalidade 4), estabelécese unha dotación de 200.000 euros para subvencionar un máximo de dous proxectos escénicos.

Estas intervencións artísticas terán lugar  durante o período 2020-2022, no que, ademais da produción dun espectáculo, incluirase un plan de xira das obras tanto dentro como fóra da Galiza.

As bases desta liña de achegas indican que entre as finalidades desta convocatoria está "apoiar a produción escénica en todas as súas disciplinas", por parte de empresas dedicadas a esta actividade na Galiza, de xeito que "se favoreza a estrea de novos espectáculos galegos de cara á súa progresiva incorporación ás carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais".

Neste sentido, no DOG concrétase que a produción dos espectáculos deberá iniciarse durante este ano 2020. 

comentarios