O CGAC celebra os seus 25 anos

Un cuarto de século de arte contemporánea

A obra de raíz surrealista de Maruxa Mallo inaugurou, hai agora 25 anos, o Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela. O museo, instalado nun edificio deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza, axiña virou en referente nacional da modernidade artística. A derradeira fin de semana de setembro celebra un cuarto de século con música, cinema ou danza.
 

cgac
photo_camera O Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela. Foto: cedida.

O programa de conmemoracións iníciase a cuarta feira 26 de setembro cunha “conversa entre directores”. Participarán catro das seis persoas que dirixiron a institución: Antón Pulido, Miguel Fernández-Cid, Miguel von Hafe e o actual, Santiago Olmo. A maiores, encabezaron o CGAC Gloria Moure -a súa saída foi abrupta- e Manuel Olveira -durante o perído que gobernou a Xunta, da que depende o centro, o bipartito de PSdeG e BNG.

Ao día seginte, quinta feira 27 de setembro, haberá un percorrido pola intervención do artista Javier Riera no Parque de Bonaval. “A construción do edificio do CGAC realizouse en paralelo á transformación da antiga horta do convento de San Domingos de Bonaval nun parque”, explica o museo, “Riera concibiu un breve paseo polo espazo á noitiña”. Proxeccións de luz xeométrica sobre as árbores do lugar “crearán un instante escenográfico”. Non será a única xornada en que se poderá ver a acción: haberá pases da quinta feira ao sábado 29 de setembro e os seguintes tres sábados de outubro.

O espectáculo de danza Closer, da Thomas Noone Dance Company, despregarase na terraza do CGAC a sexta feira 28 de setembro ás oito do serán. “As súas obras cuestionan que somos e como manifestamos a nosa humanidade”, sinala o museo. Ese mesmo día, ás dez da noite, Bombino, músico tuareg que fusiona blues, rock e músicas bereberes, ofrecerá un concerto.

A fin de semana propiamente comezará o sábado 29 de setembro cun maratón de talleres entre as once da mañá e as sete da tarde. Centrados na creación plástica “para todos os públicos”, os obradoiros non precisarán de inscrición previa e versarán sobre o estampado e serigrafía, sobre a cidade e a sostibilidade, e sobre a xeometría e os fractais presentes na natureza. O domingo 30 o Caspervek Trío porá música en directo á proxección do clásico O maquinista da Xeral (1926).

Comentarios