A cuarta edición do MUMI comeza a conta atrás na eurocidade Tui-Valença

O Encontro de Músicas presenta o programa que se desenvolverá na eurocidade Tui-Valença do 21 ao 24 de setembro cun concerto de apertura que reunirá sobre o escenario a artistas de Galiza, Portugal e Brasil nun espectáculo inédito ao vivo.
O coro Encaixe.
photo_camera O coro Encaixe.

O MUMI chega á súa 4ª edición co obxectivo de seguir construíndo novas e mellores formas de traballar pola música en vivo. Con ese propósito, a feira presenta un bo feixe de novidades como a colaboración coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa, que abre as músicas galegas ao mercado internacional; ou o Espazo Loja destinado á promoción dos traballos publicados polas editoras musicais. 

Do 21 ao 24 de setembro, a eurocidade Tui-Valença volverá vibrar cun Encontro  Profesional de Músicas que prevé acoller a máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles propostas artísticas nas que se mesturan os novos traballos de proxectos consolidados coa nova escena musical. Un  total de 20 bandas e artistas de gran diversidade estilística e que comparten en moitos casos un sustrato onde as músicas de raíz son a fonte da que beber. Unha selección de calidade onde estarán representadas músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios. 

 O día 21, ás 20.30 horas, o Teatro Municipal de Tui acollerá un espectáculo creado ad hoc para a apertura do encontro, que vai rendir homenaxe ás músicas de raíz nun concepto no que se abrazan as músicas de unha e outra beira do Atlántico. Desde Brasil, Destino do Clã reúne os músicos Nanan, Gustavito e Luizga, imbuídos da influencia das culturas indíxenas e a ancestralidade suramericana, que eles recrean en cancións e arranxos que reverencian este territorio de coñecemento e sabedoría. 

 

Desde Portugal, O Gajo presenta o encontro de João Morades coa Viola Campaniça, un instrumento de raíz tradicional portuguesa co que explora novos territorios sonoros e ao que se une o Grupo As Sanfonas da Ponte Vella. 

E desde a Galiza, Encaixe completará a proposta artística do concerto de apertura  achegando as voces de 18 cantantes que propoñen un novo concepto de coro, recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2018 a mellor proxecto de música vocal, desde onde fan unha aposta pola música galega contemporánea, con versións vocais de grupos como Marful, Narf ou Malandrómeda, e pola música lusófona, con versións do Zeca Afonso ou Djavan, entre outros. 

Tres propostas artísticas de Portugal, Galiza e Brasil que ensamblarán as súas músicas para ofrecer ao público un espectáculo que supón toda unha declaración de intencións do traballo que pretende desenvolver a feira. 

Comentarios