Crítica de cinema: Stoker, un bo thriller de suspense

India Stoker (Mia Wasikowska), perde a seu pai (Dermot Mulroney) nun tráxico accidente de coche o mesmo día que cumpre 18 anos. India queda na compaña da súa inestable nai Evelyn (Nicole Kidman). 

Stoke
photo_camera Stoke

Ano: 2013
Duración: 98 min.
País: Estados Unidos
Director: Park Chan-wook
Guión: Wentworth Miller
Música: Clint Mansell
Fotografía: Chung-hoon Chung
Reparto:  Mia Wasikowska, Matthew Goode, Nicole Kidman, Jacki Weaver, Dermot Mulroney

SINOPSE

India Stoker (Mia Wasikowska), perde a seu pai (Dermot Mulroney) nun tráxico accidente de coche o mesmo día que cumpre 18 anos. India queda na compaña da súa inestable nai Evelyn (Nicole Kidman). No funeral coñecen ao seu misterioso tío Charlie (Matthew Goode), do que apenas sabían nada, que decide facerse cargo das dúas. Aínda que ao principio a India non lle gusta a idea, pouco a pouco vai descubrindo os lazos que os unen.

CRÍTICA

Primeira película en Estados Unidos do surcoreano Park Chan-wook, avalada polos produtores Tony e Ridley Scott. Todo un seguro. Ata o de agora o director só fixera películas no seu país, como a memorable triloxía da vinganza formada por “Sympathy for Mr. Vengeance” (2002), “Oldboy” (2003) e “Sympathy for Lady Vengueance” (2005). Tres xoias das que bebe en parte “Stoker”. Estamos ante unha película de suspense que conta a historia dunha familia na que desaparece a figura paterna en estrañas circunstancias. Aparece o irmán do falecido en escena e todo comeza a complicarse. A partires de aquí non podo desvelar moito máis da trama porque perdería parte do seu encanto. Porén está tan cargada de metáforas e simbolismos visuais, só ao alcance do espectador atento, que tamén merece o seu revisado posterior. O director soe coidar sempre a posta en escena e en “Stoker” cada plano da película conta algo. Dá gran importancia as cores, aos obxectos e a posición da cámara. Todo ten un sentido. Nada está ao chou.

"Está tan cargada de metáforas e simbolismos visuais, só ao alcance do espectador atento, que tamén merece o seu revisado posterior".

Consegue unha atmosfera hipnotizadora de violencia poética grazas, en gran parte, ao seu habitual director de fotografía Chung Chung-hoon. A destacar tamén o guión de Wentworth Miller, o que fora o actor protagonista da serie Prison Break, que fai un incrible cambio de rexistro escribindo un guión que no 2008 foi considerado como un dos 10 mellores na Black List, un ranking que premia aos mellores guións aínda non levados á gran pantalla. O son e a música tamén teñen un papel importante e aínda que xoga cos sons, prescinde de golpes de efecto innecesarios  e tan molestos en filmes de corte de terror. Ao principio da película hai unha serie de flash-backs de cousas que acabamos de ver fai uns minutos que quizais despisten ao espectador neófito en cine oriental pero que é moi habitual en todo o cine desas latitudes. Nicole Kidman, postbotox, está fenomenal pese a todo. Incluso moito mellor que a novísima protagonista, que ten un papel como adolescente en loita co mundo pero peca de máis de  inexpresiva. Matthew Goode está tamén moi ben no papel de guapo que oculta un misterioso segredo. Mantén en xaque desde o principio as dúas mulleres que senten unha atracción inmediata a pesar dos lazos que lles unen. Un alto grado de tensión erótica e carga psicolóxica mesturado cos medos, espertar sexual e desexos ocultos da protagonista. Hai varios homenaxes as películas de Hitchcock, concretamente a “Psicose”, aínda que a algunha máis. Pero que non leve a erro porque non ten nada que ver. Simplemente hai imaxes que nos lembran a elas. Os seguidores de Park Chan-wook non se van sentir defraudados e os que non o sexan van gozar dun moi bo thriller de suspense. Unha película que non hai que deixar de ver aínda que non guste o xénero. Aporta unha linguaxe cinematográfica moi estimulante que fai retomar a esperanza en que se pode atopar aínda algo orixinal no cinema.

Comentarios