sábado 29/01/22
CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de Cinema: ‘Joker’, por Andrés Castro

Arthur Fleck é un aspirante a comediante que se gaña a vida como pallaso para poder pagarse a medicación que mantén a raia un estraño trastorno mental e tamén para coidar da súa nai coa que vive nun pequeno piso de Gotham. A escalada de violencia nas rúas da urbe prognostica un caos inminente... un caos que terá nome propio.

 

joker2

Ata o de agora, cinco foron os actores que puxeron rostro ao Joker na gran pantalla: Cesar Romero, Jack Nicholson, Heath Ledger, Jared Leto e agora Joaquin Phoenix. Para gustos, cores... pero o único que non deu a talla foi Jared Leto. Quizais como unha maneira de compensar aquilo, DC e Warner Bros fixeron este marabilloso, e controvertido, spin-off da némese de Batman.

Dirixe Todd Phillips (Viaxe de pirados, Resacón nas Vegas) que semella querer abandonar definitivamente as comedias desfasadas para dar un xiro de 180 graos a súa carreira. Coincide ademais co cambio de rumbo da factoría DC Cómics, que apenas levantaban cabeza após tocar fondo con Escuadrón Suicida (2016, David Ayer). Apostaron tamén sobre seguro elixindo Joaquin Phoenix para encarnar o Joker. Actualmente un dos mellores actores do momento e un dos poucos que semella ter os pés ben ancorados no chan en Hollywood.

Varios meses levoulle perfeccionar a desconcertante, e dolorosa, gargallada do seu personaxe. Así que, máis que nunca, é altamente recomendábel ver a peli en Versión Orixinal. Hai cinemas que se deron conta deste detalle apostando por habilitar horarios e salas en V.O. para Joker. Oxalá sexa un punto de inflexión para que a V.O. se normalice definitivamente e non quede relegado só os cinemas cooperativistas e cineclubes. E xa por pedir, a ver se as institucións comezan apoiar dunha vez o subtitulado en galego...

Ademais da voz, Phoenix fixo unha espectacular transformación física perdendo case 25 quilos para dar verosimilitude o trastorno psicolóxico que sofre Arthur Fleck, o nome real do Joker. A trama desenvólvese a principios dos 80. O bo de Arthur aspira ser comediante. Mentres non o consegue gaña a vida con pequenos traballos de pallaso ao tempo que coida da súa nai enferma nun pequeno apartamento de Gotham. Arthur sufre dunha estraña patoloxía nerviosa que lle fai rir de forma espontánea e sen motivo aparente. Un feito que provoca a súa marxinación social e afectiva. Só a rutina diaria, o amor incondicional da súa nai e a medicación que consegue dos servizos sociais fanlle estar estable, mais unha serie de reveses e decepcións provocarán que deixe de estalo...

Visceral. Rabiosa. Violenta. O ton achégase á triloxía de Nolan, incluso máis realista se cabe... O Joker non é máis que o froito dunha sociedade polarizada, enferma e desigual onde os ricos e poderosos culpan aos pobres por non esforzarse o suficiente e os pobres comezan a non ter nada que perder. O Joker simplemente é o mecha que prende a furia das masas... A pesar de estar ambientada nos anos 80, os paralelismos co estado actual das cousas resultan inquietantes.

Quizais, por iso, certos sectores liberais criticaron duramente o filme “por xustificar a violencia e as revoltas tumultuosas” ou “por poñer ao vilán coma se fose un heroe”... O certo é que fai traballar a mente do público facendo que decida por si mesmo se acepta, ou non, as motivacións do Joker. Ademais logra captar a deriva dunha sociedade occidental caldo de cultivo para as proclamas fascistas e máis que disposta a comezar unha loita de clases, que a saber onde nos leva...

Polo de pronto xa comezan aparecer caretas ou caras pintadas de pallaso en revoltas de diferentes partes do mundo (Beirut ou Chile, por exemplo). Igual é pronto pero case seguro que marcará unha xeración tanto, ou máis, do que fixera, hai algo máis de dez anos, a careta de V de Vendetta. Outros filmes dos que bebe Joker, directa ou indirectamente, son: O rei de la comedia, O clube da loita, Psicosis, Taxi Driver, Alguén voou sobre o niño do cuco, A estraña que hai e ti ou O home que ri.

Semella que DC atopou, por fin, o seu punto. Será capaz de mantelo? Apostará por seguir nesta liña? Levará Óscar a Mellor actor Joaquin Phoenix? A única pregunta retórica é a última.

Joker

(EUA-Canadá 2019, 122 min.)

Dirección: Todd Phillips

Guión: Todd Phillips e Scott Silver

Fotografía: Lawrence Sher

Música: Hildur Guðnadóttir

Elenco: Joaquin Phoenix, Robert de Niro, Zazie Beetz, Frances Conroy, Brett Cullen, Bill Camp, Shea Whigham, Glenn Fleshler, Leigh Gill, Douglas Hodge, Dante Pereira-Olson, Carrie Louise Putrello, Sharon Washington, Bryan Callen

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Crítica de Cinema: ‘Joker’, por Andrés Castro
comentarios