Crítica de cinema: "Iron Man-3", diversión de consumo rápido

O crítico Andrés Castro achéganos a "Iron-Man 3"

Iron Man 3
photo_camera Iron Man 3

Ano: 2013
Duración: 130 min.
País: Estados Unidos
Director: Shane Black
Guión: Shane Black, Drew Pearce (baseado nas personaxes de Stan Lee)
Música: Brian Tyler
Fotografía: John Troll
Reparto:  Robert Downey Jr., Gwyneth Paltrow, Guy Pearce, Ben Kingsley, Don Cheadle, Jon Favreau, Miguel Ferrer, Rebecca Hall

SINOPSE
O multimillonario Tony Stark, alter ego de Iron Man, vaise enfrontar a un inimigo cuns poderes que non coñecen límites. Cando Stark decátase que o seu inimigo destruíu o seu universo persoal, embárcase nunha difícil procura para encontrar aos responsables. Esta viaxe porá a proba os seus nervios en diferentes situacións. Acurralado, Stark terá que sobrevivir polos seus propios medios, confiando na súa intelixencia e no seu instinto para protexeren ás persoas que quere.

CRÍTICA

Terceira película de outra franquía da Marvel aínda que realmente sería a quinta na que aparece Tony Stark/Iron Man xa que, tamén chegou a aparecer ao final da segunda parte de “Hulk” (2008) e na dos Vingadores (2012) . A estratexia recente da Marvel é que todas as películas que fai están inter-relacionadas nunha especie de “todo” no que todas as personaxes fan cameos entre uns filmes e outros. Moi ao estilo dos cómics nos que uns superheroes sufrían as súas aventuras a modo de vidas cruzadas. Por suposto o habitual cameo de Stan Lee, o artífice de toda esta tolemia de filmes de superheroes e que sae en todas. Pois ben, aquí o director é Shane Black en lugar de John Favreau, que participou nas dúas primeiras con diferente éxito e que nesta terceira soamente fai de gardacostas do protagonista aínda que con maior profundidade afectiva a modo do mordomo Alfred de Bruce Wayne/Batman. Segunda película de Shane Black tras “Kiss, Kiss, Bang, Bang” (2005), un máis que interesante thriller de acción con grandes doses de humor negro. A priori parece o director idóneo para levar por enésima vez a acción que require unha película destas características e de paso lidiar coa estrela protagonista xa que o tivera tamén na súa primeira película. E non o fai nada mal. Consegue que a película sexa moi superior á segunda parte, o cal tampouco era moi difícil. A trama, a priori, non ten moitas sorpresas. Un malo de libro chamado O Mandarín quere destruír a Stark por un trauma do pasado e de paso facerse o dono do mundo. Sen embargo á película agarda unha xiro, que non vou desvelar, e que ten moito que ver coa excelente interpretación de Ben Kingsley e cunha crítica bastante directa á política antiterrorista estadounidense. Algo lle pasou a Iron Man en Nova York que o deixou algo tocado e con recorrentes ataques de ansiedade. Todo un regalo para o conflitivo, aínda que supostamente rehabilitado, Downey Jr e de paso referencia directa a o final da película dos Vingadores que sitúa inmediatamente os acontecementos de Iron Man 3 xusto despois desta. A Stark pásalle de todo: arruínase, ten que fuxir, valerse por si mesmo sen traxe de aceiro, sáelle tamén unha ex da que, por suposto non se lembra, un Guy Pearce algo molesto por acontecementos do pasado e que lle fai as beiras a súa noiva Gwyneth Paltrow, que tamén está a piques de abandonar ao protagonista pero que claro, iso non é posible e sairá airoso de todas estes reveses, iso si, con maior ou menor sorte. Axúdalle un Don Cheadle que convértese desta vez en Iron Patriot, descartando o antigo nome War Machine, unha sorte de Iron Man pero coas cores, barras e estrelas patriotas, como seu nome indica, e que terá un momento clave na película. Pero lonxe de ser un homenaxe á bandeira americana, cousa manida unha e outra vez neste tipo de filmes, é máis unha mofa sutil que fixo que moitos non se decatan, sobre todo por aqueles lares. Unha película de consumo rápido pero bastante divertida e que procura, dentro dos límites dunha película de blockbuster, dar algo de substancia ao espectador intelixente.

Comentarios