Crítica de Cinema: "Rompeneves", para amantes da ciencia-ficción

Nun futuro próximo un falido experimento contra o quentamento global provoca unha glaciación extrema que destrúe a vida no planeta. Só quedaron con vida os pasaxeiros do Snowpiercer, un xigantesco tren que viaxa arredor dun mundo grazas a un enxeño tecnolóxico de “motor eterno” obra do visionario Wilford, que agora lidera o tren a través dunha sistemática sociedade de clases.

.
photo_camera .

Título orixinal: Snowpiercer
Ano: 2013
Duración: 126 min.
Coprodución: Corea do sur - Estados Unidos - Francia
Director: Bong Joon-ho
Guión: Bong Joon-ho e Kelly Masterson
Fotografía: Hong Kyung-pyo
Música: Marco Beltrami
Reparto: Chris Evans, Song Kang-ho, Tilda Swinton, Jamie Bell, John Hurt, Ed Harris, Ewen Bremmer, Ko Ah-sung, Alison Pill, Luke Pasqualino, Octavia Spencer

CRÍTICA

Chega a adaptación ao cinema dunha (semi)descoñecida obra de banda deseñada francesa creada na época dos 80 por Jacques Loeb e Jean-Marc Rochette. Trátase dunha historia post-apocalíptica dun tren que alberga aos últimos superviventes da humanidade organizados nunha sociedade piramidal distópica onde o líder impón as normas.

Mentres que nos coches máis próximos ao vagón de cola viven case coma nun campo de concentración onde calquera actitude rebelde é castigada con severidade e o alimento consiste pouco apetitosa pasta de proteínas, nos vagóns máis próximos á locomotora todo son privilexios, alimentos naturais e luxo. Iso si, hai que adorar ao líder e salvador Wilford. A manida historia do Grande Irmán de George Orwell (“1984”) pero desta volta nun recinto pechado, como é un tren, que se antolla o lugar idóneo para apostilar máis se cabe as diferenzas entre uns e outros.

"A manida historia do Grande Irmán de George Orwell (“1984”) pero desta volta nun recinto pechado, como é un tren"

Dirixe o surcoreano Bong Joon-ho (“Memories of Murder”, “The Host”) que tamén firma o guión. Un guión que promete moito na premisa inicial pero que a medida que avanza a película vaise deteriorando. Algunha idea orixinal pero abundan os tópicos do xénero así como ecos da triloxía “Matrix” ou de “Os xogos da fame”. As personaxes non acaban de conectar de todo a pesar dos esforzos dun case irrecoñecible Chris Evans (“Capitán América”) que tenta pórse en plan serio, de contar co sempre solvente John Hurt, nun claro homenaxe ao filme de Michael Radford “1984” do que era protagonista, e dunha excéntrica Tilda Swinton que, xunto coa fotografía, é do mellor do filme. Conta ademais con Ed Harris no rol do líder Wilford que se asemella sospeitosamente a aquel de Christof de “O show de Truman”. Por último, tamén aparece o actor Song Kan-ho, famosa estrela surcoreana habitual de Bong Joon-ho e de outros moitos directores nacionais, así como Ko Ah-sung xovencísima actriz coa que tamén contara en “The Host”.

"Película que gustará a afeccionados ás sociedades distópicas e a ciencia-ficción en xeral"

Na banda sonora está o neoiorquino Marco Beltrami, compositor todoterreo moi apreciado para o filmes de acción que parece que nesta puxo o piloto automático para agasallarnos cunha banda sonora un tanto monótona. A través do prisma da ciencia-ficción faise unha critica aos sistemas piramidais baseados en sociedades onde uns poucos dominan a moitos. Tamén fai apuntamentos sobre o control sistemático da poboación, dos roles sociais onde cada un ten que permanecer ou da escravitude infantil. Algo non tan de ciencia-ficción por desgraza. Temas interesantes que deberían levar ao debate ou simplemente a facer pensar, porén queda algo atropelada nos conceptos e apenas da pinceladas: os oprimidos levántanse contra os opresores, como era de esperar, pero no segundo acto pouco importa o que lles pase aos protagonistas, polo xa apuntado de que non hai identificación coas personaxes.

Película que gustará a afeccionados ás sociedades distópicas e a ciencia-ficción en xeral. A crítica cinematográfica está tratando bastante ben este filme pero persoalmente a min deixoume algo frío, quizais por tanta neve. Porén o final lembroume de súpeto á novela “O mecanoscrito da segunda orixe” do catalán Manuel de Pedrolo, que me fixeron ler (acertadamente) na EXB. Estou dubidando en se mercar a banda deseñada na que se basea esta película para comparar ou reler a excelente novela de Pedrolo. Paréceme que vai ser o segundo…

Comentarios