Crítica de cinema: 'August: Osage County'

Os Weston viven nas aforas dun pequeno pobo de Oklahoma. Un tráxico acontecemento fará que a familia se reúna ao completo tras anos sen verse. Após un encontro marcado pola normalidade e tratando de manter as aparencias, pouco a pouco van ir saíndo á luz a verdades máis ocultas de cada membro da familia.

la-et-mn-august-osage-county-meryl-streep-reviews-20131227

Título orixinal: August: Osage County

Ano: 2013

Duración: 121 min.

País: Estados Unidos

Director: John Wells

Guión: Tracy Letts

Fotografía: Adriano Goldman

Música: Gustavo Santaolalla

Reparto: Meryl Streep, Julia Roberts, Chris Cooper, Ewan McGregor, Abigail Breslin, Julianne Nicholson, Juliette Lewis, Benedict Cumberbatch, Margo Martindale, Dermot Mulroney, Sam Shepard, Misty Upha

Sinopse

Os Weston viven nas aforas dun pequeno pobo de Oklahoma. Un tráxico acontecemento fará que a familia se reúna ao completo tras anos sen verse. Após un encontro marcado pola normalidade e tratando de manter as aparencias, pouco a pouco van ir saíndo á luz a verdades máis ocultas de cada membro da familia.

Crítica

Agosto” está baseada na obra de teatro de Tracy Letts, gañadora do Pulitzer no 2008 e que ela mesma encárgase de reescribir para a gran pantalla. Comeza cunha frase do premio Nobel T.S. Eliot e que nos prepara para o que vai vir: a vida é moi longa, di o señor Weston, un home coa faciana marcada polo paso do tempo, interpretado polo sempre solvente Sam Shepard. Pouco despois aparece a señora Weston, interpretada Meryl Streep cunha imaxe moi degradada froito dun cancro de boca. Pero a historia non trata do cancro en particular, xa que se trata coma unha circunstancia, senón das relacións humanas e tensións internas no seno dunha familia un tanto peculiar.

Desenvólvese no condado de Oklahoma. Un lugar onde as chairas parecen non terminan nunca e fai un calor de mil demos. Detalle que a fotografía, de tons ocres e cálidos, do brasileiro Adriano Goldman encárgase de potenciar. A fotografía logra transmitir moi ben, apoiado na música de aires country do arxentino Gustavo Santaolalla, o ambiente sureño no que se desenvolve a trama. Unha trama que fala dunha familia que se xunta para un funeral (como soe pasar) e que, como non podería ser doutra maneira, comezan a saír os trapos sucios. Esa calor de agosto xoga un papel determinante xa que incrementa, máis se cabe, as angustias e tensións familiares.

A destacar a catarse colectiva que se produce na comida familiar na que hai un xogo extraordinario de miradas cómplices… e de miradas que matan. A priori a trama dunha familia que se reúne, xunto co insulso título do filme, podería non ser moi atraínte que digamos. Pero os irmáns Weinstein, produtores xunto a un George Clooney que tamén viu que a cousa pintaba ben, foron ben listos ao facer unha campaña potente arredor de Meryl Streep. Actualmente a mellor actriz de Hollywood de lonxe. Xunto a ela un ben escollido casting no que apoiar a súa interpretación. Logra que nos esquezamos que estamos a ver a actriz Meryl Streep e vexamos á personaxe que interpreta: unha nai neurótica, posesiva, manipuladora, sen filtro e adicta ás pastillas. Conseguir facer ese papel sen caer no maniqueísmo, e incluso con toques de humor, está ao alcance de poucas actrices.

Tamén merece un destaque Julia Roberts, probablemente motivada por ter ao monstro Streep ao seu carón. Un auténtico tour de force interpretativo entre ámbalas dúas actrices. E aínda que gaña por goleada Meryl Streep, si que se nota un gran traballo de Julia Roberts que acada un dos papeis máis verosímiles da súa carreira. Completan o reparto estrelas coma Ewan McGregor, Chris Cooper ou Dermot Mulroney. Tamén sae unha crecida Abigail Breslin, a nena de “Pequena Miss Sunshine” (2006, Jonathan Dayton, Valerie Faris), e unha recuperada Juliette Lewis, (“O cabo do medo”, “Días estraños”) que non facía nada medianamente decente desde a década dos 90. Segue cos seus tics de sempre pero aporta unha personaxe interesante. Xunto con Roberts e Julianne Nicholson, completa o trío de irmás da familia Weston. Outro que ultimamente está en todas é Benedict Sherlock Cumberbatch, e coma de costume e para variar constrúe unha personaxe sobreactuada (léase “Star Trek: na escuridade”, “12 anos de escravitude” ou “O quinto poder”) que ademais aporta un dos momentos máis ridículos e de vergoña allea, do filme.

Pero é unha mancha pequena que tampouco desmerece o conxunto. O director John Wells está máis que experimentado en series e películas para televisión. “Agosto” supón o seu segundo filme da súa carreira coma director (aínda que coma produtor ten unhas cantas máis). Nótase que procede do medio televisivo pero ten o acerto de filmar coa cámara fixa, case tódalas tomas, coma se conformara un postais ou fotografías xustaposta a modo de imaxes da vida que vemos pasar; subliñando de paso a frase inicial de T.S. Eliot e dándolle un toque teatral en homenaxe á obra na que se basea. Pódese achacar que a familia Weston é bastante atípica e o que lle acontece está máis preto do folletín novelesco que dunha historia coa que nos sintamos identificados, pero o feito de poder ver a transformación que fai Meryl Streep ante os nosos ollos xa fai que pague a pena. A película toca en profundidade as interrelacións familiares, o paso do tempo, a vellez, a parella, a soidade. En fin, que fala da vida.

Non é redonda pero ten unha correcta factura e conta cun reparto de luxo. Ademais, considerando que fai xa tempo que estamos ante unha carteleira cada vez máis fagocitada polos efectos dixitais, as luceciñas de cores, o “máis difícil aínda”, os remakes, as precuelas e os spin-offs… ver unha película que simplemente fale de persoas, con franqueza e sen artificios, penso que merece cando menos unha oportunidade. 

Comentarios