O Courel presume dunha 'muiñeira de seu' a ritmo de carballesa

A Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos organizaron este domingo en Seceda do Courel unha xornada divulgativa arredor da carballesa.
A carballesa, baile que se conservou nas montañas do Courel, báilase en roda.
photo_camera A carballesa, baile que se conservou nas montañas do Courel, báilase en roda.

A idea de celebrar unha xornada dedicada á carballesa xurdiu, afirma a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG), do empeño porque "non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do concello de Folgoso do Courel".

Nese recanto do municipio, os gaiteiros sinalan tres parroquias onde se tocaba e se bailaba unha muiñeira característica chamada carballesa: Eiriz, Carballal e Seceda, ás que suman o veciño Val do Incio.

 

"Sentimos que temos a obriga, en honor á gratitude desta veciñanza, de loitar por conservar o noso; ademais homenaxear e lembrar os nosos antecesores e as súas ensinanzas", destacan os gaiteiros.

Báilase en roda, coma todos os bailes da zona, con puntos rápidos, cun ritmo moi vivo, con moitos destaques e patadas ao aire

Xaneco Tubío, presidente do colectivo, lembra a Nós Diario que a Carballesa é un baile peculiar recollido xa pola Sección Feminina nos anos 40, moi común desde o Incio até o lugar de Seceda do Courel, lugar de orixe a onde levaron a primeira xornada dedicada a este baile xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo.

Un baile brioso e canso

As persoas asistentes gozaron dunha xornada de música e baile, mais primeiro estiveron atentas ás explicacións de Xabier Iglesias, responsábel dun obradoiro teórico-práctico de carballesa que deu paso ao xantar e a unha posterior homenaxe a informantes, músicos e bailadores da zona.

"Atopamos fichas do ano 1947 da Sección Feminina de Lugo dedicadas á carballesa, con notas curiosas que sinalan a muller como a mellor bailadora, e polo tanto, con autoridade para sacar os puntos".

Os cambios no baile que marcan os mandadores do baile, correspóndense sempre cos cambios que se dan na música

O profesor de baile tradicional repasou a este xornal agunhas das peculiaridades da carballesa. "Báilase en roda, coma todos os bailes desta zona. Os puntos sácanos por quendas", tanto homes como mulleres. "Son puntos rápidos, cun ritmo moi vivo, con moitos destaques e patadas ao aire".

Unha característica que esgotou os bailadores e bailadoras que durante unha hora practicaron a carballesa. "Non goza dunha estrutura fixa. Os cambios no baile que marcan os mandadores do baile, correspóndense sempre cos cambios que se dan na música", explica lglesias.

A carballesa está documentada en traballos de campo realizados en Samos, Pobra do Brollón, O Incio e O Coruel, e figur,a ademias, "en cancioneiros como o de Eduardo Torner e Xesús Bal y Gay" con partituras recollidas en Verín, Melide e O Carballiño.

Patrimonio vivo

A celebración da carballesa no Courel rematou cunha nova sesión de baile coa participación do grupo de música tradicional Airiños da Freba e foliada.

"Con actividades así pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón tamén fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindíbeis para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación", afirman desde a AGG, que gaban as "aldeas que conservaron este patrimonio musical", o legado de quen bailou a carballesa e os músicos da zona do Courel que os acompañaron.

Comentarios