Mónica Fernández: "As nosas tradicións forman parte da nosa riqueza cultural e o noso deber é conservalas"

Mónica Fernández é a responsábel de coordinar a Tradescola, un centro dedicado a transmitir a música e o baile tradicional galego en Lugo. Apaixoada da nosa cultura popular desde pequena, cre fundamental que se dediquen recursos e medios á conservación e difusión das diferentes expresións propias a través da educación, unha labor que realiza dentro da Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG).
Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola e técnico da Asociación de Gaiteiras Galegas (Nós Diario).
photo_camera Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola e técnico da Asociación de Gaiteiras Galegas (Foto: Nós Diario).

-Como entrou no mundo da música tradicional galega?

Os meus inicios foron no baile tradicional galego, nos 80, con clases extraescolares que se impartían no colexio ao que asistía. Posteriormente, con 7 anos continuei a miña formación na Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo, os primeiros anos bailando e logo asistindo a clases de canto e percusión para finalmente interesarme pola aprendizaxe da gaita nos anos da adolescencia. Foi unha aprendizaxe progresiva, que me serviu para ir coñecendo e apaixonándome polo mundo da nosa cultura tradicional até facer del o meu medio de vida.    

-Que función realiza a Tradescola?   

As nosas tradicións forman parte da nosa riqueza cultural e é o noso deber como pobo conservalas e dalas a coñecer. Conscientes disto, a Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG), como entidade sen ánimo de lucro que traballa en prol da cultura tradicional galega desde o ano 1988, comprendeu a necesidade de apostar pola educación como un dos piares fundamentais para a conservación, coñecemento e divulgación da nosa música. 

Froito desta necesidade comezouse a artellar o proxecto que, logo de varios anos de traballo por parte da AGG, remataría materializándose, co apoio económico da Área de Cultura da Deputación de Lugo e cesión de locais por parte da Xunta de Galiza, coa implantación da Tradescola, un centro de formación especializado no estudo da música e o baile tradicional galego no que se imparten aulas das diversas expresións da nosa cultura tradicional a través das cales se quere contribuír a fomentar unha maior normalización da preservación das nosas tradicións, sendo as materias que se imparten: zanfona, acordeón, baile tradicional, gaita, requinta, canto e pandeireta, pandeira, percusión, linguaxe musical e aulas específicas para os máis pequenos.

Impartimos como materias aulas de zanfona, acordeón, baile tradicional, gaita, requinta, canto e pandeireta, pandeira, percusión, linguaxe musical e aulas específicas para os máis pequenos. A maiores das aulas facemos monográficos, concertos didácticos, charlas...

-Que perfil de alumnado teñen?

A Tradescola conta cunha media de 250 alumnas matriculadas anualmente, distintas xeracións que conviven en harmonía unidos polo amor ás nosas tradicións. A maior parte do alumnado é residente na cidade de Lugo, pero tamén asisten ás aulas dende distintas comarcas da provincia, e incluso de outros lugares de Galiza. Cabe destacar que entre un 30% e un 40% é alumnado infantil, algo moi importante para a Tradescola, xa que estes novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua. 

-O voso traballo e o doutras entidades deberían contar con máis promoción por parte das institucións e os medios de comunicación?  

Unha enorme cantidade de asociacións, moitas veces con moi poucos recursos, manteñen e difunden a cultura tradicional grazas ao traballo e esforzo dos seus compoñentes. A situación do sector estudouse no Libro branco do ensino na música tradicional en Galiza (2006) no que participou e colaborou a AGG. Neste traballo recolléronse datos dunha actividade con pouca visualización social e que ten grandes debilidades socioeconómicas dentro do sector cultural. 

É preciso un maior apoio económico por parte das institucións, e que os distintos medios de comunicación difundan este traballo, e atendan, promocionen e divulguen a nosa cultura, que representa un patrimonio cultural inmaterial considerado por moitos estudosos e estudosas un dos máis ricos de Europa. Creo que sería necesario introducir a música e o baile tradicional galego no ensino público para garantir o futuro das nosas tradicións, hai que transmitir estes coñecementos ás novas xeracións.

Comentarios