A Coruña reúne o jazz "máis internacional"

A terceira edición do ciclo 'Butaca de jazz' aposta pola música galega.
Os artistas musicais Miguel Cabana, Nani García e Miguel García. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os artistas musicais Miguel Cabana, Nani García e Miguel García. (Foto: Nós Diario)

Esta cuarta feira presentouse na cidade da Coruña a terceira edición do ciclo 'Butaca de jazz'. Este evento, que decorrerá durante os días 18 e 25 de novembro e mais o 2 de decembro, aposta polo "mellor jazz galego con proxección internacional".

O primeiro concerto do ciclo 'Butaca de jazz' correrá a cargo de Paco Charlín. O artista, natural de Vilanova de Arousa, cursou solfexo e baixo eléctrico, ademais de formarse no Estudio Escola de Música (Santiago de Compostela) e a Escola Taller (Pontevedra). En 1996 obtivo dúas bolsas de estudo na Berklee College of Music, trasladándose a Boston, Massachussets (Estados Unidos).

No seu haber conta con varios discos gravados, tanto en solitario como formando parte de proxectos colectivos, en diversos estilos musicais. Entre as súas 30 obras destacan Diálogos, Babel de sons e Simetrías. Actualmente, compaxina a docencia no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra coa súa participación en festivais estatais e internacionais.

Lucia Fumero Trío

A seguinte en actuar será a pianista e cantante nacida en Barcelona Lucia Fumero, de raíces arxentinas e suízas. Na súa participación no 'Butaca de jazz' estará acompañada por Martín Leiton ao contrabaixo e Juan Rodríguez Berbín á batería e percusións.

A artista Lucia Fumero tamén compartiu escenarios con algúns dos nomes do panorama musical catalán, como Rita Payés, Nico Roig, Eva Fernández ou Magalí Datzira.

Feche do 'Butaca de jazz' con Nani García

Para o feche do ciclo, contase co compositor, músico e produtor musical coruñés Nani García. Autor de bandas sonoras para longametraxes, obras de concerto, óperas, obras de teatro, curtametraxes, programas de televisión, conta con máis de cen publicacións entre obras de jazz, producións audiovisuais e producións para outros artistas. Xunto con Simón García no contrabaixo e Miguel Cabana na batería, García presentará na xornada final do 'Butaca de jazz' o seu cuarto traballo, Hai un desiquilibrio.

O evento foi presentando esta cuarta feira na sede de Afundación da Coruña e está encadrado no programa solidario da Obra Social de Abanca titulado Cultura por alimentos.

Comentarios