Comeza a corta de árbores nas inmediacións do mosteiro de San Pedro de Rocas

Hoxe debía decorrer o xuízo contra o presidente da Deputación de Ourense, pero o adiamento sen a imposición de medidas cautelares permitiu o comezo dos traballos.

A Deputación de Ourense comezou nesta quinta feira os traballos para ensanchar a estrada de acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, no concello de Esgos. Desde primeira hora da mañá, pódese ver como operarios da institución levan a cabo a corta de árbores nas beiras da estrada.

A Deputación, co seu presidente á cabeza, José Manuel Baltar, leva anos a intentar impulsar esa ampliación da estrada, pese a dúas negativas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, que tanto en 2011 como en 2018 rexeitou o proxecto presentado, pola posible afectación ao conxunto histórico de San Pedro de Rocas, considerado o mosteiro máis antigo da Galiza.

Precisamente, a Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas, creada hai dous anos para protexer os valores patrimoniais do mosteiro, denunciou o presidente da Deputación de Ourense e tenente de alcalde de Esgos, José M. Baltar, por seguir con este proxecto de “mellora e acondicionamento” do tramo de estrada por “falsidade documental” e “omitir” informes de Patrimonio contrarios a esta actuación.

O xuízo, que tiña que ter lugar nesta quinta feira, foi adiado pola xuíza sen que esta aplicase ningún tipo de medida cautelar, o que permitiu a Deputación de Ourense seguir adiante cun proxecto sobre o que pesan varias demandas de historiadores e dos proppietarios dos terreos nos que agora se leva a cabo a corta de árbores.

"Proxecto integralmente ilegal"

Para a historiadora, conservadora e restauradora da Universidade Complutense, Natalia Figueiras, quen tamén forma parte do Comité Científico da Fundación Moreiras, "o poxecto. integralmente, é ilegal". Figueiras explica que Patrimonio negouse en dúas ocasións a aprobar o proxecto porque "deixaba claro que non se pode tocar nada, que a intervención ten que cinguirse exclusivamente á mellora do firme". 

San Pedro de Rocas foi declarado Monumento Histórico Nacional en 1923; en 1999, a Xunta outorgoulle a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC); e en 2018 o BIC estendeuse a unha superficie de cen hectáreas arredor da igrexa rupestre.

En xaneiro de 2019, despois da segunda denegación de Patrimonio, Sandra Quintas Vázquez, alcaldesa de Bande e persoa de confianza do presidente da Deputación Xosé Manuel Baltar, foi designada xefa territorial de Cultura e Turismo. Quintas autorizou a obra de ampliación da estrada obviando os informes negativos previos -cando o emprazamento tiña unha protección menor da que goza agora- e toda a lexislación que protexe o lugar. 

Comentarios