Os coros tradicionais danse cita en Gondomar

O encontro Cantares no Miñor chega á súa oitava edición este sábado, 2 de setembro en Gondomar, co histórico Cántigas da Terra como agrupación invitada.
O coro Cantares do Brión.
photo_camera O coro Cantares do Brión.

A oitava edición do encontro Cantares no Miñor terá lugar este sábado 2 de setembro, ás 19 horas, na praza da Paradela de Gondomar. Organizado pola coral de Vincios Cantares do Brión, vén sendo xa unha cita principal da música tradicional, a lingua e a identidade galegas. 

Muiñeiras, pandeiradas, alalás e foliadas escoitaranse xunto coa poesía que a agrupación incorpora ao folclore do país, cunha convocatoria anual aberta á participación popular e que ten como premio o arranxo e musicalización do poema escollido polo xurado. Este ano, estrearase musicalizado o poema elixido na pasada edición, "Sons no ar" de Ricardo Seixo. 

Máis de cen mulleres e homes ataviados cos traxes tradicionais da Galiza farán gozar da difusión e posta en valor da cultura galega tradicional. A entrada é de balde e haberá intérpretes de lingua de signos. 

Baixo a dirección de Pablo Rial Salgueiro, Cantares do Brión leva perto de quince anos  congregando coristas de todas as idades, divididas en catro cordas canónicas, para dar vida á musica galega de raíz ben sexa esta tradicional ou de autor. No repertorio, que ten xa máis de sesenta diferentes pezas, as voces van á par de gaitas, pandeiretas, pandeiro, cunchas, bombo e tambor. 

Cántigas da Terra

Para estreitar lazos entre coros históricos, o grupo de Gondomar invita outra coral galega a cada convocatoria de Cantares no Miñor. Este ano, o grupo invitado será Cántigas da Terra, unha entidade cultural fundada en 1916, vencellada ás Irmandades da Fala, que leva desde aquel ano traballando sen interrupción polo recoñecemento das música de raíz. Ese traballo foi recoñecido en 2016 coa Medalla Castelao e aplaudido en escenarios de toda a Galiza Francia, Alemaña, Suíza, Bos Aires ou Brasil.   

Comentarios