Laura Veleiro, presidenta do Coro Galego Cántigas da Terra: "Queremos seguir divulgando a cultura galega e que cada día máis mocidade a valore"

Cántigas da Terra, un dos catro coros históricos da Galiza, vén de renovar a súa directiva, escollendo a primeira presidenta dos seus case 107 anos de historia. Nós Diario conversa con Laura Veleiro, presidenta do coro coruñés, sobre os retos que afronta a formación centenaria no século XXI.
A primeira muller presidenta do coro histórico Cántigas da Terra é Laura Veleiro. (Foto: Cedida)
photo_camera A primeira muller presidenta do coro histórico Cántigas da Terra é Laura Veleiro. (Foto: Cedida)

É vostede a primeira muller presidenta dunha agrupación que nace inicialmente como coro masculino. Entenden isto como un fito histórico para Cántigas da Terra?

Efectivamente, porque é a primeira vez que temos unha muller presidenta. Non obstante, fomos dos primeiros coros en integrar as mulleres na formación, xa nos anos 20. Incluso antes, na propia fundación do coro, había xa mulleres, sobre todo no cadro de declamación de teatro. Mais si que é certo que a pesar do paso dos anos nunca houbera unha muller presidenta. En 2023 poñemos fin a unha anormalidade; no fondo é algo que xa non é lóxico nin tampouco tería que ter máis relevancia, pero é así. 

Após máis de cen anos de actividade ininterrompida (ditadura franquista incluída), veñen de renovar a súa directiva. Que retos se propoñen para estes “tempos novos”? 

Os retos son continuar a nosa actividade, integrar cada vez máis xente que queira seguir cantando, bailando e facendo teatro con nós. Seguir divulgando a cultura galega e manter as nosas escolas, e que cada vez máis crianzas e mozas aprendan a querer e a valorar o noso. Intentaremos tamén volver a gravar algo de música... En definitiva, temos moitos proxectos que hai que concretar. 

Nos últimos anos, a música e o baile tradicional viven un ‘boom’ entre a xente nova, da man de grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra. Notan maior achegamento da mocidade á súa formación? 

Apreciamos que cada vez demandan máis, clases de pandeira, vir bailar, que os pais balen cos fillos e coas fillas... Cremos que isto é algo moi positivo, sobre todo que a mocidade aprenda a valorar o seu, o propio, a desfrutar. E desde este punto, a apreciar o resto das músicas e a seguir imaxinando e creando. Nós buscamos ser ese soporte, esa base na que aprender a querer o propio. A partir de aí, voar, aprender e crear máis cousas. Para nós é moi importante que isto se poña en valor. 

Esa posta en valor da cultura galega é un dos obxectivos fundacionais de Cántigas da Terra, que foi impulsado polas Irmandades da Fala. Continúa a ser necesario defender a cultura propia?

É fundamental porque vivimos nun mundo globalizado, informatizado, dixitalizado. Precisamos máis que nunca poder preservar o noso e valoralo e tamén amosalo ao resto do mundo. Todo ten valor, é cultura, e é algo que temos que valorar. Somos plenamente conscientes da absoluta necesidade de continuar cos principios fundacionais do coro e manternos firmes nesa loita, mais, con todo, evolucionando.

Como lle afecta esa dixitalización ao traballo de recolección e custodia documental que realizan desde o Arquivo de Cántigas?

A revolución dixital hai que vela tamén como unha oportunidade. Desde Cántigas da Terra estamos utilizando as redes sociais para sinalar desde este punto do mundo, no período histórico no que estamos, que aínda seguimos aquí. Estamos vivos e queremos seguir expresándonos e difundindo a nosa riqueza e o noso patrimonio. Estamos moi orgullosos de ter chegado até aquí e queremos seguir así. A dixitalización e a globalización tamén teñen que ser unha oportunidade para estar e ser no mundo. 

Ademais, os medios dixitais tamén nos permiten conservar, estudar o noso patrimonio e o noso arquivo. Temos que buscar maneiras de preservar as fotografías, os recortes, as partituras... Ese esforzo ímprobo dos antigos directivos de dixitalizar foi un traballo esgotador, froito puramente dun amor e dunha conciencia de que hai que preservar este tesouro que é a música tradicional. 

Buscamos utilizar todos os medios ao noso alcance para difundirmos os nosos obxectivos e para atopar a toda esa xente que tamén ama a nosa música e o noso patrimonio cultural. 

Comentarios