Xaquín Xesteira, de Treixadura: "Os coros levan cen anos cantando melodías tradicionais con gaitas, non é algo novo"

Ao longo da súa extensa traxectoria, o grupo Treixadura exerceu un gran labor ao manter viva a cadea de transmisión da música tradicional. Logo de facer 30 anos e de verse na obriga de cancelar a xira de 2021, a formación anuncia que volverá aos escenarios. Nós Diario conversa con Xaquín Xesteira, un dos seus membros fundadores. 
Xaquín Xesteira, durante un concerto de Treixadura.
photo_camera Xaquín Xesteira, durante un concerto de Treixadura. (Foto: Nós Diario)

Cales son as expectativas para esta nova xira?

A intención é percorrer as cidades galegas na medida do posíbel. Quizais no mes de novembro había máis expectativas que hoxe, xa que ao complicarse a situación da pandemia todo ese fulgor que se dera neses meses decaeu bastante. En principio, todo vai depender da contratación. 

A comezos de 2021, cando decidimos que durante ese ano iamos seguir sen tocar, tivemos en mente aparecer nos escenarios nesta primavera e poder facer unha xira polos teatros e auditorios das cidades galegas, aínda que tal e como están as cousas tampouco programamos moi en firme. Agora mesmo, temos pensado abrir a xira do 30 aniversario do grupo en Vigo, no mes de maio. Logo, temos de cara ao verán arredor de doce datas en distintos lugares e esperamos que vaian aparecendo máis.

Despois de tanto tempo en pausa, hai ganas de volver actuar?

Por suposto, iso sen dubidalo. Hai moitas ganas, pero as circunstancias fixeron que isto se atrase cada vez máis. Sabemos que o público de Treixadura está pendente da xira, pero queremos ter todo máis organizado para poder dalo a coñecer máis concretado.

Outro dos motivos que fixo que durante estes dous anos decidísemos non actuar é que, no noso caso, a maioría dos compoñentes temos un traballo e non vivimos de tocar. Iso permitiunos parar, porque non podiamos ensaiar e así tamén deixamos que as persoas que si viven de facer concertos e demais teñan un espazo máis que nós non ocupamos.

Está pendente tamén a publicación dun novo disco.

Este novo traballo é unha regravación dos grandes éxitos, das pezas máis coñecidas de Treixadura, pero en diferente formato. Por exemplo, os temas dos tres primeiros discos, nos que non estaba o orfeón, aquí son cantados por el. Temos tamén varias colaboracións, como a de Rodrigo Romaní, a Banda Municipal da Coruña e o coro Cantigas e Agarimos, que xa ten participado connosco en Esa si que é muiñada. Estabamos preparándonos para saír no verán de 2020 con este novo disco, pero todo quedou aí ás portas. Agora comezamos a ensaiar todos xuntos, aínda que co orfeón xa levabamos traballando desde outubro. Ao ser un grupo numeroso, tamén é máis complexo poder reunirse nesta situación.

Como evoluciona Treixadura durante estes anos?

Foi unha evolución natural. Treixadura comezou a súa andaina nos anos 90, sendo catro gaiteiros e sumando un máis en 1991, antes de tocar en público. Gravamos Obrigado e, logo, en Unha noite no muíño incorporamos o acordeonista César Longa. En 2003 editouse Unha noite non é nada e decidimos contar con amigos que cantaban e que sabiamos que lles gustaba a música do grupo. Gravaron connosco e cando comezamos a presentar o disco falamos con eles para que nos acompañasen.

A resposta do público foi moi boa e a partir de entón pensamos que se podía traballar desa maneira, que non era outra que o que facían os coros galegos ou Aires da Terra. Os coros levan cen anos cantando melodías tradicionais con gaitas, facendo voces e polifonía... Non hai nada novo que non se fixese antes. Tamén gravamos Unha semaniña enteira con eles, onde xa entran cun pé moi firme na sonoridade do grupo. 

Seguimos traballando xuntos e finalmente todo pasou a englobarse baixo o nome de Treixadura, xa que eramos un grupo cos mesmos obxectivos e a mesma ilusión. No 25 aniversario fíxose un traballo en directo para agradecer ao público que nos permitise chegar tan lonxe e que puidese participar no disco dos vinte e cinto anos. Chegamos con esta configuración por casualidades da vida até hoxe, cumprindo xa trinta e dous anos e coas mesmas ganas do principio.

Comentarios