Cornelia e un meniño, dous galaico-romanos da Lanzada a estudar

A pasada sexta feira apareceu o corpo ben conservado dunha máis que probable galaico-romana e esta mañá apareceu a uns metros o esquelete dun bebé, ambos os dous feitos pouco frecuentes en Galiza.

esquelete-bebe
photo_camera Esquelete do bebé atopado esta mañá no xacemento da Lanzada [Imaxe: Deputación de Pontevedra]

Logo da descuberta de ‘Cornelia’ xurdiu onte un novo achado no xacemento. Neste caso, o equipo de arqueoloxía da institución provincial e a Doutora e Antropóloga Física Olalla López Costas da Universidade de Santiago de Compostela -que aínda se atopaba no Campo da Lanzada-, atoparon esta mañá o corpo dun bebé a aproximadamente 5-6 metros do de "Cornelia". 

Segundo indica a doutora en Antropoloxía Olalla López, que xa participara no estudo dos esqueletos que xurdiron nas escavacións da Lanzada nas décadas dos 60 e 70 do século pasado, trátase da primeira vez que aparecen ósos dun bebé na Lanzada, neste caso, dun neonato moi deteriorado que se atopaba encollido nunha zona de area situada 5-6 metros a carón de "Cornelia". A doutora López asegurou que este achado casual do esqueleto do bebé non ten porqué implicar relación co da muller nova atopada onte, pero si é unha novidade desde o punto de vista antropolóxico xa que se pensa que naquela época non se enterraban os menores dun ano.

O achado de Cornelia "supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana até a área de ocupación, ao carón das vivendas" e "permitiranos contar a historia das galegas e dos galegos, poñerlle cara ás e aos protagonistas reais do que aconteceu neste territorio"

Pola súa banda, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, considera que se trata dun esqueleto de igual época que Cornelia, é dicir, e a falta de estudos que o confirmen, do século I despois de Cristo. Nestes momentos o equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra e a Doutora en Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela atópanse extraendo os ósos do pequeno e non descartan que aparezan novos esqueletos similares. 

Cornelia, unha probable galaico-romana

Onte a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou o xacemento da Lanzada para ver 'in situ' o levantamento do esquelete achado polo equipo de arqueoloxía que está a realizar a intervención. O corpo, posiblemente dunha muller nova, trátase do primeiro que aparece no Campo da Lanzada desde a década dos 60-70 do século pasado.

Este corpo é o primeiro dos atopados nas intervencións que a institución provincial está a realizar na provincia no marco do protocolo asinado co Ministerio de Fomento. A falta do estudo que se realizará en Santiago e cuxos resultados se coñecerán nun prazo comprendido entre un e dous meses, "parecer ser  -tal e como declarou Carmela Silva- que se trata dunha muller nova que realizaba unha actividade física intensa".  Ademais, grazas a este estudo que se realizará de ‘Cornelia’ -como así a denominou o equipo de arqueoloxía ao coincidir o achado con esa onomástica-, Silva destacou que "poderemos coñecer como se alimentaban os nosos antepasados, que tipo de parásitos ou enfermidades padecían, presenza de metais, etc."

Xa se atoparon máis de 3.000 pezas da época romana e estanse a sacar e consolidar estruturas romanas e castrexas.

Carmela Silva subliñou que "o que está acontecendo na Lanzada está continuamente sorprendéndonos. Ata o momento xa se acharon máis de 3.000 pezas e estruturas descoñecidas que nos están a aportar máis información da que esperábamos". Neste eido quixo agradecer o traballo "das e dos profesionais da Deputación de Pontevedra grazas acal estamos atopando datos moi valorosos para reescribir a nosa historia".

O arqueólogo da Deputación de Pontevedra destacou que o achado de Cornelia "supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ao carón das vivendas" e engadiu que "nos permitirá contar a historia das galegas e dos galegos, poñerlle cara ás e aos protagonistas reais do que aconteceu neste territorio". Ademais, Rafael Rodríguez subliñou que o estudo que se realizará en Santiago "permitirá datar o esqueleto e determinar se pertence á etapa prerromana ou romana".

A intervención arqueolóxica do Campo da Lanzada, que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro deste ano e se enmarca no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, pretende triplicar a zona visitable da escavación, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías. Para isto, a Deputación de Pontevedra está a investir 262.541,48 € para a posta en valor deste xacemento galaico-romano no que xa se atoparon máis de 3.000 pezas da época romana e se están sacando e consolidando estruturas romanas e castrexas.

A Lanzada trátase dun asentamento fundamental para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular, desde o que se desenvolvían actividades comerciais de grande envergadura, conectando esta zona con puntos do Mediterráneo tan distantes como Palestina, Italia ou Tunisia. Tamén neste xacemento atopáronse vestixios que permiten situar a primeira factoría de salgados do noroeste peninsular.