Conxugador, corrector, resumidor ou analizador de sentimentos no novo portal “Linguakit”

Preséntase como portal de análise textual mais pode até mesmo adiviñar o sentimento dun documento. Trátase de “Linguakit” unha caixa de ferramentas de Cilenis que sitúa a Galiza na cabeza da enxeñería lingüística. 

Cilenis
photo_camera Cilenis

Positivo, negativo ou neutro. Así nos pode saír un texto, cos seus propios sentimentos, e desde o portal “Linguakit” poderemos adiviñar o sesgo que lle metemos e mesmo, de se dar o caso, corrixilo. O “analizador de sentimentos” é só unha das ferramentas de “Linguakit”, un portal de análise textual en galego, castelán, inglés e portugués que sitúa o noso país á cabeza da enxeñería lingüística dos ámbitos lusófonos e hispánico. 

“Linguakit” nace da man da empresa galega Cilenis e trátase dun portal que nos permite corrixir, conxugar verbos, extraer palabras chave, resumir textos, traducir ou mesmo analizar os sentimentos do escritos. Un feixe de recursos que se habilitan tamén para a nosa lingua que, até o momento, carecía dalgunhas das ferramentas dixitais que agora se ofrecen. Promociónase de maneira especial para aqueles oficios que, como xornalistas ou ensinantes, están en contacto continuo coa lingua mais tamén para calquera persoa en xeral atopará utilidades para o uso diario. 

"O “analizador de sentimentos” é só unha das ferramentas de “Linguakit”, un portal de análise textual en galego, castelán, inglés e portugués"

Gratis até cen consultas

O servizo é gratuíto até cen consultas mensuais rexistrándose na web linguakit.com, agora ben, se o uso é máis extensivo ofrecen planes dende 3,95 €/mes segundo as necesidades. 

As ferramentas ás que dá acceso son un resumidor, que sintetiza os textos, un corrector que identifica os erros léxicos e gramaticais dando opcións de corrección, un tradutor en liña para as linguas elixidas; un conxugador verbal ademais de opcións de análise. En canto análise lingüística dá opción de saber o número de veces que unha palabra aparece nun texto, facilitar o contexto das palabras chave ou proporcionar información morfolóxica. Con respecto á análise de texto, alén de achegarse ao “sentimento” do escrito, extrae palabras chave, identifica o idioma -no caso galego coas variantes da RAG ou AGAL- e recoñece as entidades, nomes propios e datos numéricos para a súa catalogación. 

“Linguakit” nace da empresa Cilenis, xurdida na Universidade de Santiago de Compostela, que se ocupa do desenvolvemento tecnolóxico aplicado á lingua baseados en software libre. Con anterioridade crearon o proxecto Avalingua, que avalía o nivel de lingua en español, inglés, portugués e galego ou conxugadores verbais para galego e portugués.

Comentarios