Convocado o IV premio Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

Convocan Instituto de Estudos Chairegos, Concello de Vilalba e Edicións Xerais.

Agustín Fernández
photo_camera Agustín Fernández

Instituto de Estudos Chairegos, Concello de Vilalba e Edicións Xerais veñen de convocar o IV premio Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.

No certame poderán participar todas as persoas que presenten narracións inéditas en lingua galega dirixidas ao públlico infantil e xuvenil e cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…

Hai un premio único e indivisible de 3.000 euros. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais.

A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4. Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.

O prazo de presentación de orixinais comezará hoxe, 23 de abril de 2020, Día Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2020 (cuarto cabodano de Agustín Fernández Paz).

O xurado estará formado "por tres persoas de recoñecido prestixio cultura"l. Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro de 2020.

En edicións anteriores este premio foi gañado por escritoras como Antía Yáñez, Rosa Aneiros e María Reimóndez.


 

Comentarios