Centos de persoas celebran a cultura galega en Outeiro de Rei nun novo Convivio

A Casa-Museo de Manuel María acolleu a xuntanza anual do tecido asociativo cultural da Galiza nunha xornada de homenaxe ao propio escritor e mais a Saleta Goi, falecida o pasado ano.
Francisco Rodríguez lembrou Manuel María e Saleta Goi durante a xornada. (Foto: Manel Méndez)
photo_camera Francisco Rodríguez lembrou Manuel María e Saleta Goi durante a xornada. (Foto: Manel Méndez)

A carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei (comarca de Lugo) tornou este sábado no epicentro cultural do país acollendo unha nova edición do Convivio da Cultura Galega, e con esta xa van dez. A xornada principiou contra as 11.15 horas co acto de recepción das entidades -máis de 25- e persoas asistentes a este multitudinario evento, desta volta con centos de participantes, organizado pola Casa-Museo de Manuel María e a Federación Galiza Cultura, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A coral Solfa amenizou na Casa-Museo os primeiros compases dunha xornada na que imperou o ambiente festivo interpretando diferentes pezas, para logo dar paso, no cemiterio de Outeiro, a unha homenaxe -ofrenda floral incluída- ao propio Manuel María e mais á súa compañeira, Saleta Goi, falecida en setembro do pasado ano.

Interviron, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María e un dos principais promotores do convivio, e Francisco Rodríguez, en representación da asociación Medulio -integrada en Galiza Cultura-, quen fixo un percorrido sobre o que Goi supuxo na vida do escritor e recitou un poema de Manuel María no que aparecía a propia muller.

Logo, xa na carballeira, foi a quenda da actuación musical da banda Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales, acompañada da voz da fadista galega Iria Estévez e a guitarra do portugués Artur Caldeira. E, contra as 14 horas, chegou o tradicional xantar de convivio, no que non faltaron a empanada, a tortilla ou o viño.

Á esquerda, a actuación da mañá da banda Sons e Soños; á esquerda, o tradicional xantar de convivio. (Fotos: CM Manuel María | Manel Méndez)
Á esquerda, a actuación da mañá da banda Sons e Soños; á esquerda, o tradicional xantar de convivio. (Fotos: Casa-Museo Manuel María | Manel Méndez)

Durante a xornada salientouse, no encontro do tecido asociativo para artellar a súa actuación en común, tamén o éxito desta edición, sobre todo a nivel organizativo, contando cun número relevante de entidades do eido cultural non só agrupadas na Federación Galiza Cultura, senón tamén de alén da mesma. Tamén se fixo un pequeno repaso da memoria do pasado ano e das actividades que fican pendentes no actual.

Na quenda de tarde Xurxo Souto fixo de mestre de cerimonias dunha foliada da que participaron, desde as 16.30 horas, tanto o propio músico canda Richi Casás como os gaiteiros Birloque, Vento Mareiro, Zurrumalla, Os Parabéns, Balura, Tribo e Tradivivas Agra. A súa música fixo as delicias dos centenares de asistentes e puxo o ramo a unha nova xornada de celebración da cultura galega.

Comentarios