Emotiva despedida a Saleta Goi en Outeiro de Rei: "A Galiza perde unha muller excepcional"

Amizades de Saleta Goi lembran en Outeiro de Rei unha muller "xenerosa e de principios éticos" e cuxo legado ficará por sempre no pensar colectivo. A Casa Museo Manuel María ficou pequena para tantas mostras de afecto.
Decenas de persoas despediron a Saleta Goi esta segunda feira en Outeiro de Rei. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Varios centos de persoas despediron a Saleta Goi nesta segunda feira en Outeiro de Rei. (Foto: Nós Diario)

Saleta Goi, falecida o pasado sábado, tivo nesta segunda feira unha emotiva —e merecida— despedida en Outeiro de Rei, nun acto cívico no que os centos de persoas alí presentes lembraron e honraron a súa vida. A Casa Museo Manuel María ficou pequena para acoller tantas mostras de cariño e de recoñecemento expresado.

Precisamente, agradecendo as verbas recibidas por amigas e amigos de Saleta Goi de distintos puntos da xeografía galega principiou o acto Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María. Coa voz entrecortada, recordou que Saleta, que perdera a súa nai moi cedo, criárase ao carón do seu pai, militante republicano represaliado polo franquismo.

O pai, apuntou, "tivo que deixar a profesión de secretario no Concello e desempeñar moitos e diferentes oficios que os levaron a desprazarse por toda a Galiza para buscar o sustento". A que até o de agora era a presidenta da Fundación Manuel María era "xenerosa e de principios éticos", e prefería "predicar co exemplo antes que dar numerosos consellos". Aos 25 anos, continuou Ansede, coñeceu o escritor e canda el estivo até o seu pasamento en 2004. "Foron 45 anos de amizade total, de compañeirismo, de camaradaría e de complicidade absoluta á hora de conformar a súa forma de vida e tamén o seu compromiso coa Galiza e coas clases populares", engadiu Ansede.

Velorio de Saleta Goi.
Velorio de Saleta Goi.

Manuel María e Saleta Goi sufriron unha persecución durante a ditadura que levou, mesmo, a prohibir a obra literaria do autor de Outeiro de Rei e a impórlles sancións económicas. "Mais nada diso dobregou a súa vontade e firmeza na loita por conseguir todos os usos para o noso idioma e que todos os galegos e galegas teñamos dereito a vivir na propia terra con dignidade, paz e harmonía, e sempre decidindo soberanamente o noso futuro", subliñou.

"Saleta creou o ambiente para que a obra de Manuel María fose tan fecunda e prolongada no tempo", engadiu. Que as súas vidas se atopasen no camiño foi "unha sorte", dixo Ansede, pois Saleta, cando comezou rexentar a libraría Xistral en Monforte "para que el tivese independencia creativa", propiciou que aos nosos días chegase "un dos legados culturais e literarios máis importantes que recibimos".

"Ela sabía ben que cada xeración recibimos un mundo que non construímos e que debemos aos nosos devanceiros. Non somos máis que un momento do proceso e ela era consciente, por iso dedicou tanto empeño a que ese legado que axudara a construír ficase nesta casa", precisou.

Nos seus últimos días, "cando foi consciente de que se apagaba", Saleta Goi quixo morrer como vivira, "coñecendo absolutamente toda a verdade, asumíndoa con integridade e serenidade, sen dramatismos". "Estaba moi satisfeita coa vida que levara", afirmou Ansede, que deu paso ás palabras de amigas e amigos de Saleta.

"Era a roca de Manuel", dixo Nemésio Barxa

O avogado Nemésio Barxa foi o primeiro en tomar a palabra para apuntar, emocionado, que "Manuel non morreu. Morre hoxe con Saleta, porque seguiu vivindo nela todos estes anos. Era a roca de Manuel, onde el atopaba a súa fortaleza, porque ela era moito máis forte e dáballe tranquilidade de vida, económica, política e de convivencia social. Saleta remata hoxe deixando unha misión cumprida, como coidadora do poeta en vida e da súa memoria e legado en morte", apuntou Barxa, con máis de 60 anos de amizade cunha "muller excepcional que a Galiza perde".

Após unhas breves e sentidas palabras de cariño da que fora a súa médica de confianza e amiga, Maca SilvaXosé Estévez puxo en valor o primeiro libro que lle dedicara Manuel María, en 1977, Mar maior, do que recitou un poema fermosísimo titulado 'Verbas a Saleta'.

A académica e cineasta Margarita Ledo, expresou o "respecto" da Real Academia Galega e do seu presidente, Víctor F. Freixanes, de quen desculpou a ausencia, cara a Saleta. "A súa presenza na Academia era constante e a derradeira vez que estivo foi na homenaxe a Xosé Ramón Barreiro". Ledo refiriuse ás súas vivencias con Saleta e Manuel María, e lembrou a libraría Xestal como "espazo de emancipación" e de convivencia. Saleta era "nome de talismán" para a catedrática da USC, que creceu, dixo, "baixo a súa sombra protectora". Recordou que fora Saleta quen a animara a militar na Unión do Povo Galego. "Fitoume co seu ollar lento e lembroume 'fun eu, e non Manuel, quen che falou da U', e quedei en silencio", sinalou a cineasta, en cuxa man loce un anel que lle agasallara Saleta no ano 1971. Coa "señardade", da que tanto escribira Manuel María, fechou Margarita Ledo o seu discurso.

"Xuntou teoría e praxe sen sucedáneos", afirmou de Saleta Felipe-Senén

Pola súa parte, o etnógrafo e museólogo Felipe-Senén deu "infinitas grazas" a Manuel e Saleta, "aqueles que levan na fronte unha estrela e bo bico un cantar e que fan que esta palleira sexa hoxe centro da cultura". Após agradecer o traballo de Alberte Ansede, María Calvo e Antón Laxe na Fundación Manuel María, recuperou "lembranzas que veñen como lóstregos dunha Saleta que foi compañeira, luz e faro de Manuel María". "Ela fixo posíbel a rehabilitación desta casa e foi unha leal camarada do nacionalismo que xuntou teoría e praxe sen sucedáneos". Unha "amiga" e "conselleira", "que nos acompañou tantas veces, a nosa confidente e quen abría camiños de esperanza".

"Nunca gostou chamarse viúva. El foi o que foi e fixo o que fixo grazas a ela", expresou a escritora María Pilar García Negro, quen salientou a "presenza leal e constante, así como a entrega á Galiza e ao pobo galego"."Esta recordación quere ser unha resurrección, unha homenaxe a unha vida plena dedicada a procurar sermos galegos normalizados", dixo, "non evocamos aquí un satélite, senón unha muller de firmes convicións nacionalistas e personalidade forte". "Non deixemos morrer os nosos mortos, viva Saleta Goi, viva o seu exemplo, longa vida á súa memoria", celebrou a profesora, quen lle ofreceu un galano poético.

"A casa de Manuel e Saleta era un refuxio", valorou Francisco Rodríguez

Finalmente, tomou a palabra o ensaísta e histórico dirixente da UPG Francisco Rodríguez, referente político fundamental de Saleta, xunto con Bautista Álvarez, lembrou Ansede. "Falar de Saleta significa amosar en público o agradecemento á súa persoa", pois "sempre contei con ela, coa súa confianza, amparo, respecto e protección", nomeadamente en momentos de "moita tensión psicolóxica" e nos que o desamparo "pairaba por todas as partes". "A casa de Manuel e Saleta era un refuxio", acrecentou un Rodríguez que destacou a capacidade de observación de Saleta e para captar a necesidade de apoio e amparo.

"Gostaría subliñar especialmente que era unha muller moi politizada e tiña a ben selo, pois consideraba que formaba parte da función que se debía ter nun país como o noso", afirmou, "era militante da UPG, onde sempre expresou os seus criterios e discrepancias sempre coa preocupación por ampliar socialmente o nacionalismo". Referiuse ao apoio de Manuel e Saleta "a todas as estratexias políticas que o nacionalismo lanzou até hoxe, cunha fidelidade absoluta".

"Unha das últimas veces que coincidín con ela, amoseille certa anguria, e ela, dunha maneira moi serena, díxome que sempre vai haber quen nos continúe", lembrou Rodríguez, "tiña especial interese en que houbese continuidade na xente nova e tivo carné de Galiza Nova. A mocidade viu nela un puntal, pois era sumamente intelixente e perspicaz". Rodríguez concluíu valorizando o apoio prestado por Alberte Ansede e María Calvo para que "esta casa exista e para que perviva a conciencia nacional da Galiza. Tamén tivo palabras de agradecemento para Antón Laxe, activista da fundación.

O acto no interior da Casa das Hortas, na que naceu Manuel María, finalizou coa intervención musical de Uxía, da que tanto gostaba Saleta Goi e quen puxo voz a versos do poeta. O féretro que portaba o corpo de Saleta Goi foi trasladado a ombreiros ao cemiterio de San Xoán, onde soou o himno da Galiza.

Ela descansará agora canda o seu querido Manuel, mais o seu legado ficará por sempre no pensar colectivo.

Traslado a ombreiros do féretro. (Foto: Nós Diario)
Traslado a ombreiros do féretro. (Foto: Nós Diario)

Comentarios