O Consello da Cultura Galega e o CSIC culminan a edición da obra cimeira de Martín Sarmiento

Todos os estudosos de Sarmiento citan con frecuencia a Obra de 660 pliegos como un texto de referencia para ter información precisa sobre a súa vida, obra e pensamento.   
Busto de Frei Martiño Sarmiento por Felipe de Castro (Museo de Pontevedra). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Busto de Frei Martiño Sarmiento por Felipe de Castro (Museo de Pontevedra). (Foto: Nós Diario)

O Real Jardín Botánico de Madrid (RJB-CSIC) acolleu onte a presentación da edición da Obra de 660 pliegos, subtitulada De historia natural y de todo género de erudición, obra cimeira do pensamento de Martín Sarmiento, realizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a subdirectora de Cultura Científica y Ciencia Ciudadana do CSIC, Pura Fernández, e o doutor e antigo investigador do RJB-CSIC Ramón Morales presentaron os cinco volumes do proxecto, que naceu en 2002 baixo a coordinación do tamén presente Henrique Monteagudo.

"Saldamos unha débeda non só co propio Sarmiento, que nos deixou un patrimonio inmenso, senón tamén coa cidadanía, á que lle ofrecemos o acceso gratuíto a un dos legados máis orixinais da Ilustración", apuntou Rosario Álvarez. 

"Sarmiento comezou a escribir esta obra cando tiña sesenta anos, e nela falou de todos os asuntos que lle preocupaban”, explicou o coordinador do proxecto, Henrique Monteagudo. A obra é un compendio dos intereses temáticos do autor e un dos seus traballos máis significativos. Nela abórdanse asuntos como a historia natural, a economía, a educación, a agricultura ou as orixes da poesía. Sarmiento traballou nela durante case catro anos, de aí a súa descomunal extensión, na que toca practicamente todos os asuntos dos que Sarmiento se ocupou ao longo da súa vida.

Nela, aclara Monteagudo, "amósase o seu característico estilo discursivo, co que vai abordando unha gran variedade de asuntos sen orde nin designio particular". 

Todos os estudosos de Sarmiento citan con frecuencia a Obra de 660 pliegos como un texto de referencia para ter información precisa sobre a súa vida, obra e pensamento.   

Comentarios