xoves 01/10/20
Cultura

O Consello da Cultura edita a 'Farsa das zocas' de Carvalho Calero

Consta dunha edición facsímil e dunha lectura dramatizada
Melania Cruz.
Melania Cruz.

O Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea Ricardo Carvalho Calero cunha edición da súa Farsa das zocas. Ademais dun estudo preliminar a cargo de Carlos-Caetano Biscainho Fernandes, esta publicación presenta o facsímil da edición de 1982 (Ediciós do Castro), a derradeira autorizada polo autor, acompañado doutras dúas reproducións de manuscritos autógrafos, que se ofrecen coas correspondentes transcricións.

O texto, que viu a luz no primeiro número da revista Grial en 1963, baséase nun relato popular recollido en San Sadurniño, que Calero ambienta no rural da posguerra para desenvolver un drama familiar no que os intereses económicos constitúen o pano de fondo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destaca que "quixemos pór o foco na vertente de creador, e escollemos a teatral, en que condensa dalgún xeito unha das súas afeccións máis temperás".

Segundo destaca o profesor da Universidade da Coruña Carlos Biscainho, a obra pon en evidencia o desexo do autor de dignificar historias e personaxes populares, aos que fai dialogar con outras dramaturxias do mundo. Ademais, existe unha "vontade de dignificación da lingua popular segundo o modelo lingüístico do Seminario de Estudos Galegos".

Por mor da situación actual, a presentación non se puido realizar segundo o previsto, polo que o CCG encargou a diferentes actores e actrices a realización dunha lectura dramatizada. O resultado final chegou cun vídeo de 15 minutos que permite seguir o fío argumental da obra da man de Tito Asorey como director, ao tempo que interepreta unha das personaxes. Melania Cruz e María Vázquez completan con el o elenco. Lucía R. Regueiro encargouse da gravación e Rosa Moledo do asesoramento lingüístico.

comentarios