ALBERTE ANSEDE, SECRETARIO DA FUNDACIóN MANUEL MARíA

“Que se coñeza a obra de Manuel María e se visite a Casa Museo son obxectivos para o ano do Día das Letras”

Se hai un espazo que deberá ser referente o vindeiro ano arredor da conmemoración do Día das Letras Galegas é a Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, sede da fundación que leva o nome do autor. O secretario, Alberte Ansede, fálanos de como desde a entidade que vela pola obra e a figura do escritor se recibiu e se proxectará a conmemoración. Entre os obxectivos, disponibilizar a súa obra, da que só unha parte mínima se atopa en librarías. 

alberteansede

-Agardaban desde a Fundación que a Academia declarase a Manuel María como autor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2016?

Nin agardabamos nin deixabamos de agardar. Sabiamos que calquera das persoas propostas merecen a celebración das Letras Galegas e, posibelmente, a polémica xerada pola última decisión fixo que a Academia buscase unha persoa con potencial e consenso social para tentar restaurar dalgún xeito unha celebración ampla para as Letras Galegas. Recibimos a decisión moi serenamente e con total humildade, tratando de seguir o espírito de Manuel María que valoraba máis o que permanece no tempo que aquilo máis conxuntural e puntual. Como el dicía, o as modas é o máis efémero. Unha celebración como a das Letras ten que servir para afortalar o que permanece no futuro que é a presenza a súa obra na sociedade e non só unha homenaxe temporal.

-Que pode supor este ano para a Fundación?

Pode ser o reforzamento de dous obxectivos, o primeiro que a obra de Manuel María se difunda na sociedade galega e que a Casa Museo, que é onde reside o seu legado, sexa visitada e coñecida pola sociedade galega porque é tamén un xeito de achegarse á súa obra e a súa figura.

-Fala de consenso arredor da decisión da Academia, a que coida que se debe?

Obedece esencialmente a varias razóns. Por unha parte, Manuel María ten unha obra moi ampla e diversa e, polo tanto, é moi fácil que calquera persoa se identifique con algúns dos elementos. Desde o punto de vista dos xéneros é recoñecido como gran poeta mais é notábel narrador, dramaturgo, ensaísta ademais de ter unha ampla obra xornalística. No aspecto temático acontece algo parecido. A súa obra coñécese polo compromiso social, cívico e político desde o nacionalismo mais ten tratado moitos outros temas e de maneira moi afortunada como o amoroso, o ecolóxico -cando ninguén o facía- ou o relixioso. Esta variedade fai que conecte con intereses de persoas moi distintas. Hai outro elemento complementario que, ao meu ver, fai que esa identificación entre o público e o Manuel escritor sexa intensa e é o seu profundo humanismo que está tamén presente na súa obra. Trátase dunha preocupación polo ser humano que partindo da súa condición de suxeito, do existencialismo, pasa a unha preocupación máis vinculada ao territorio inmediato, a Terra Cha, e de aí ao interese polo ser humano integrante dunha nación e membro dunha comunidade cultural, lingüística, económica e política. É dicir, non só suxeito individuo senón tamén político, no significado de polis, da cidade o sentido orixinario. Se a iso lle unimos a súa afabilidade, a compresión cara o ser humano e, particularmente, o desgrazado, o que representa o marxinal, veremos que todo este conxunto fai que sexa un autor moi querido. Certamente, é moi difícil que conflúan tantos factores nunha única persoa. A cantidade de parabéns que recibimos nestes días foi moi emocionante.

"É moi difícil que conflúan tantos factores nunha única persoa. A cantidade de parabéns que recibimos nestes días foi moi emocionante".

-As conmemoracións das Letras Galegas ao longo do ano reflicten, dalgunha maneira, a personalidade e a fortuna da presenza social dos autores ou autoras ás que se lle dedica. Nese sentido, como adiviña que será o Ano Manuel María?

Polo menos, o que nos gustaría desde a Fundación é que fose un ano moi transversal, que penetrase en toda a sociedade, en todos os tramos de idade tamén. A obra de Manuel María dá para iso. Ten obras de literatura infantil, xuvenil e de adultos. Libros para un público máis culto e outros para máis popular ou menos familiarizados coa poesía. Tamén pode ir máis alá da propia obra literaria porque pode ser levado á escena. Ten obra dramática moi interesante e a maior parte dela inédita que é necesario editar e levar a escena. A espiña de toxo, poño por caso, é unha das obras infantís máis representadas nos colexios. Levar a súa obra dramática á escena sería moi interesante.

-Tamén é dos poetas máis cantados, o que o fixo especialmente popular. Que pode acontecer con ese repertorio ao que continúan a sumarse novas propostas como as de Uxía ou Roi Casal?

Despois de Rosalía é o poeta máis musicado e sería interesante que este ano se cantase aínda máis porque iso contribúe á popularización da súa obra. Tamén poderíamos falar do plano da publicación xa que, salvo no caso da poesía, da que está editada a obra completa en dous volumes grandes, hai moi pouca que se poida adquirir nas librarías. Chegan cos dedos dunha man. A primeira obriga é  que a súa obra estea a disposición do público, incluída a obra xornalística na que Manuel María non buscaba facer grandes teorías senón, partindo dun caso concreto expresaba a súa posición na cultura,no idioma, na arte, no patrimonio, na natureza... Tamén habería outro elemento que tiña que debería presente que é o científico, é dicir, congresos e simposios que contribúan a un coñecemento maior da súa obra. De cara a fin de ano a Fundación tiña xa previsto publicar a tese de Camilo Gómez Torres mais, polo de agora, do publicado sobre Manuel María é pouco e este é un campo que debe ser abonado. Para nós, ademais de dar a coñecer a Casa Museo, preocúpanos que se lea a súa obra literaria, no sentido total, todos os xéneros e contributos. 

-A decisión da Academia pode contribuír a resituar tamén a súa obra no sistema literario galego?

Non o teño claro, agora, do que si estou convencido é de que a súa obra inaugura moitos camiños, particularmente dentro da poesía. Mesmo os que o criticaban polo socialrealismo hoxe admiten que é unha das grandísimas figuras doa poesía galega do século XX e moitos dos que se afirman integrantes de poéticas actuais beberon da poesía de Manuel María. Isto fai que, xunto coa súa personalidade, estea chamado a ser un clásico da nosa literatura. Que as letras contribuíran a isto sería fundamental porque entraría na idea dunha conmemoración que non é só efémera. 

"Chegan os dedos dunha man para contar as obras de Manuel María que están disponíbeis en libraría"


-O presidente da Mesa, Marcos Maceira, dicía que a figura de Manuel María no Día das Letras pode axudar á causa do idioma nun momento de gran retroceso no seu uso, en especial, no ámbito escolar. 

Dada a situación na que nos atopamos, toda axuda á normalización é pouca e Manuel María pode axudar porque, certamente, é un autor que aínda está moi vivo nos centros de ensino. Particularmente Os soños na gaiola ou libros como O bigote de Mimí ou As rúas do vento ceibe. Ademais toda a súa obra está moi vinculada á defensa da lingua e a cultura do país que, no seu caso, non é unha defensa abstracta. Sobarda a contestación á represión lingüística  no franquismo e, xa cando se instaura a democracia, manifesta a gran decepción porque eco novo réxime político non se atenda ao dereito elemental que a expresión na nosa lingua. Esa decepción está na súa obra. Non se trata, polo tanto, só de ser contrario a que se nos reprima senón conseguir as condicións para que ese dereito poda realizarse. 

-A súa foi unha actividade intensísima, non só percorreu o país en distintas actividades senón promoveu unha morea de iniciativas no ámbito da cultura, desde a Nova Canción a propostas editoriais... Marcará esta condición tamén a dimensión da conmemoración?

No libro que publicaremos de Camilo Gómez Torres verase iso reflectido porque ten rexistrado como ninguén ese activismo cultural que sinala por data e lugar. Resulta impresionante. Nalgunhas tempadas saen a unha media de dous actos por semana fóra da súa localidade e hai que lembrar que el non dispuña de auto. Non puña condicións para nada e poderíamos velo non só en escolas senón nun teleclube, nun espazo cultural institucional, nunha entrevista de radio, nunha asociación de veciños... estaba en toda parte á que o chamaban e iso fai que sexa unha persoa moi querida. A súa desaparición recente fai que moita xente aínda o lembre e iso xunto con moitos lectores que recitaron e memorizaron os seus poemas fai que haxa esa identificación. O propio Convivio da Cultura Galega que se desenvolverá este sábado na Casa Museo será unha homenaxe do asociacionismo de base a súa figura. 

"O seu activismo cultural era imenso. Nalgunha tempada saen a unha media de dous actos por semana fóra da súa localidade e hai que lembrar que el non dispuña de coche".

-A escritora Mercedes Queixas dicía que moita xente ía querer tentar devolverlle todo o que el deu este ano... 

E a distintos niveis, un do asociacionismo cultural e outro da propia amizade. Moitas das visitas que temos son neste sentido, queren devolverlle a amizade, volver a quedar con el dalgunha maneira e chegan con grande familiaridade, relatando cantidade de episodios como se volveran revisitar un tempo anterior. 

-A Casa Museo será un espazo de referencia durante todo o ano e, con certeza, multiplicarán as visitas, en especial, de centros de ensino. Como se prepararán para o acontecemento?

Até agora tratamos de ir a modo mais solidamente. O primeiro ano mantivemos a casa aberta en horario limitado, sábados e domingos e calquera día con cita previa e, nese cupo, sorprendeunos a afluencia e non só escolar senón tamén de asociacións de terceira idade, de veciños, que fan obradoiros... que poden vir un día da semana. No segundo ano quixemos consolidar este sistema mais tamén facer actividades que serviran de reclamo para  a visita á casa e agora esta nova circunstancia fai que esteamos a abordar novas necesidades xa que non só será moita maior a afluencia senón a petición de servizos xa que ese recorrerá á fundación para conferencias, charlas, visitas noutros horarios... De inmediato convocaremos a comisión executiva do padroado para adiantar a programación e logo o pleno e teremos que dirixirnos ás institucións para que posibiliten atender á demanda do servizo que, con toda seguridade, se vai producir, ademais das actuacións que podamos facer nós. Todo o traballo da Fundación estase a facer de xeito voluntario. A Fundación ten un campo de voluntarios que fixo o inventariado da biblioteca e documentación, a ordenación de todo o material, a dixitalización, o traballo coas TICs... mais a demanda deste ano vai ser moi superior e teremos que recorrer ás institucións. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios