mércores 14/04/21

Condenado o ex alcalde do Grove a pagar 16.000 euros polo secuestro cautelar de 'Fariña'

A Audiencia Provincial de Madrid condenou José Alfredo Bea Gondar para indemnizar con 16.000 euros Nacho Carretero e á editorial Libros del K.O. polas perdas das vendas do libro Fariña,sobre a historia do narcotráfico galego.

O autor de 'Fariña', Nacho Carretero, na Coruña (Foto: Nós Diario).
O autor de 'Fariña', Nacho Carretero, na Coruña (Foto: Nós Diario).

A Audiencia Provincial de Madrid condenou ao ex alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar a indemnizar unha suma de 16.000 euros ao xornalista Nacho Carretero e aos editorial Libros del K.O. polas perdas das vendas do libro Fariña,sobre a historia do narcotráfico galego, como consecuencia do secuestro cautelar que mantivo paralizada a súa comercialización.

Así consta nunha sentenza na que a Sala acorda estimar o recurso de apelación interposto por Carretero e a citada editorial contra o auto de data 12 de novembro recaído en incidente de liquidación de danos e prexuízos derivada da peza de medidas cautelares do Xulgado de Primeira Instancia nº 7 de Collado Villalba.

O ex alcalde demandou en 2018 a Carretero e á editorial por suposta "vulneración de dereito á honra" pola inclusión do seu nome nas páxinas 234 e 242 de Fariña, solicitando que se condenase aos demandados a pagar 500.000 euros en concepto de indemnización por "danos morais" e "prexuízos" e a retirar en futuras edicións do libro calquera mención sobre a súa persoa. A denuncia foi desestimada.

En novembro de 2019, o xuíz de Collado rexeitou a demanda da solicitude de liquidación de danos formulada pola editorial e polo xornalista como consecuencia das perdas en vendas polo secuestro do libro, que se acordou en febreiro de 2018 e o que impediu que se publicasen máis exemplares.

Agora, os maxistrados da Audiencia revogan dita resolución e no seu lugar condenan ao ex alcalde a abonar en concepto de indemnización de danos e prexuízos ocasionados aos solicitantes do presente incidente pola medida cautelar de secuestro acordada. Deste xeito, deberá abonar 3.437,96 euros ao autor do libro e 13.042 á editorial Libros KO.

Os maxistrados sinalan na sentenza que "houbo perda de vendas imputables á medida cautelar acordada, que se deben estimar prudencialmente tendo en conta os dous efectos multiplicadores, a publicidade do secuestro e a emisión da serie televisiva, nun 50% das calculadas pola parte actoral, isto é 29,61/2 exemplares por cada día de secuestro, a salvo de proba de maiores prexuízos".

Ademais, sinala que debe considerarse como prexuízo a perda da venda que non se puideron levar a cabo nas feiras do libro que se celebraron nas cidades de Madrid e Barcelona, onde a previsión era de vender 101 exemplares.

Fontes da editorial mostraron a súa satisfacción por esta resolución xudicial, que é firme e que acredita os danos e prexuízos xerados pola medida cautelar que impediu a venda durante tres meses do libro.

Ademais, a decisión da Audiencia Provincial permítelles encarar con "optimismo" a causa pola demanda de suposta vulneración da honra cursada polo ex alcalde, que está agora no ámbito do Tribunal Supremo, ao recorrerse a desestimación inicial decretada en 2018.

comentarios