O Concello de Compostela fecha os actos polo seu centenario

O compromiso de Isaac Díaz Pardo narrado por un dos seus colaboradores

O Concello de Compostela vén de editar a biografía do artista e editor galeguista Isaac Díaz Pardo, escrita por Xosé Ramón Fandiño e titulada Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso.
1609757293roldamercedes
photo_camera A concelleira Mercedes Rosón e o autor Xosé Ramón Fandiño. (Foto: Nós Diario)

A obra, Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, presentouse na xornada de hoxe da man do propio autor e da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón. Trátase dun traballo, do que se sacaron mil exemplares, que se elaborou durante o centenario do nacemento de Díaz Pardo e que se presenta cando se fan os nove anos do seu falecemento.

Segundo explicou Xosé Ramón Fandiño, filólogo e colaborador de Díaz Pardo no Instituto Galego de Información durante 10 anos, este libro "é o resultado final de traballos previos que me induciron a afrontar a biografía completa e posibelmente definitiva deste polifacético artista", comentou para salientar que o editor estaba dotado dunha inmensa capacidade intelectual e creativa, "e dunha enorme capacidade de traballo".

O título do libro, continuou Xosé Ramón Fandiño, está suxerido pola lealdade inquebrantábel que Isaac lle profesou durante toda a súa vida ás utopías republicanas e galeguistas nas que se educou". O máis destacado do artista, engadiu, "son as causas xustas que defendeu incansabelmente, a loita pola dignidade e o sentido ético que lle imprimiu ás súas empresas afastadas da tentación especulativa".

O autor desta biografía quixo subliñar a creación, en 1963, por parte de Díaz Pardo e Luís Seoane, do Laboratorio de Formas de Galicia, "a proposta cultural máis importante e transcendente de cantas se teñan feito no país posterior ao ano 36". "Máis que unha biografía cronolóxica é unha biografía temática na que se aborda a evolución vital e ideolóxica" de Díaz Pardo, sinala Fadiño.

Mercedes Rosón explicou que Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso forma parte da colección "Saber e descubrir", iniciada o ano pasado coa publicación O panteón real da Catedral de Santiago, en colaboración coa Agrupación Cultural O Galo.

O libro repartirase entre bibliotecas e centros culturais, e tamén se distribuirá entre as persoas que o soliciten, no Teatro Principal.

Rosón sinalou que a publicación fecha as accións programadas polo centenario do nacemento de Díaz Pardo. Lembrou a escultura de César Lombera colocada no Paseo dos Leóns da Alameda; o mural de Javier Mourón en colaboración co alumnado do Bacharelato de arte no IES do Sar e no que colaborou o concello de Compostela, ou os roteiros guiados pola cidade en relación coa figura de Isaac Díaz Pardo.

Comentarios