Compostela, berce da primeira liga presencial de rap improvisado en galego

CeibaRimas fomenta o uso da lingua galega no mundo do hip-hop.
A primeira liga presencial de rap improvisado en galego organizada por CeibaRimas decorreu na facultade de Comunicación da USC. (Foto: CeibaRimas)
photo_camera A primeira liga presencial de rap improvisado en galego organizada por CeibaRimas decorreu na facultade de Comunicación da USC. (Foto: CeibaRimas)

O mundo da música rap en galego vén gañando un seguimento importante nos últimos anos cun panorama que medra constantemente e cunha calidade que pouco ten que envexar ao Rap doutros países. O que si era unha materia pendente do panorama era o coñecido como o Freestyle, é dicir, o rap improvisado. Isto non quere dicir que non houbese na Galiza tradición de rimar de modo improvisado, véxase a regueifa, mais até hai pouco, non existían proxectos nin competicións que promovesen a improvisación dentro de xénero musical do Rap.

Todo iso mudou en 2020 co nacemento do proxecto CeibaRimas, unha iniciativa que busca fomentar o uso do idioma galego na arte da improvisación a través de obradoiros e competicións. Comezaron a preparar iniciativas como o CeibaRimas Challenge, que consistía na gravación dunha improvisación que os participantes debían subir ás redes sociais para animar máis xente a que o fixese. Máis adiante organizouse a liga CeibaRimas que, por mor da pandemia, tivo que ser telemática. Neste formato, as persoas participantes formaron parte dunha pequena competición ligueira.

Finalmente, este ano, CeibaRimas conseguiu facer historia coa realización da Liga CeibaRimas 2022, a primeira competición de Freestyle en galego presencial. Tivo lugar en Compostela o 1 de outubro e nela participaron diversos rapeiros que deron un gran nivel. Dous dos organizadores do evento, Marga R. Tilve e Román Castaño de CeibaRimas atenderon Nós Diario para tratar a propia liga e o futuro do proxecto.

"Todo o mundo quedou moi contento coa liga, o nivel que houbo foi impresionante", indica Tilve a este xornal a respecto do decorrer da primeira competición presencial, algo ao que tamén se referiu Castaño: "Tanto a xente do público como os participantes estiveron moi comprometidos durante toda a competición", manifestou.

Acerca da idoneidade do proxecto, Castaño destaca que "o CeibaRimas nace da necesidade de crear este espazo   de improvisación como existía en castelán e noutros idiomas. Hai moita xente que fala en galego normalmente mais cando se pon a improvisar faino en español ben pola inercia ou ben pola falta de referentes, de aí nacemos".

O futuro do rap improvisado en galego

Se algo demostrou a primeira liga presencial de rap improvisado en galego, é que esta disciplina goza de boa saúde no país, mais é preciso continuar a traballar. É por iso que desde CeibaRimas resaltan que "seguiremos traballando nas liñas que vimos fomentando desde o inicio: a parte formativa, máis destinada á mocidade con obradoiros e demais, e despois a parte competitiva xa que intentaremos facer polo menos unha competición presencial anual para coroar o rei ou a raíña do rap improvisado en galego", aseveran os organizadores.

Para alén diso, desde CeibaRimas propoñen un modelo diferente de batallas de rap improvisado que se afaste da "testosterona" que se ve moitas veces na escena estatal. "Valoramos o enxeño, queremos crear un ambiente máis creativo que violento", di Castaño.

Big Meu, primeiro gañador

O rapeiro compostelán, Big Meu alzouse o pasado 1 de outubro en Compostela como campión da primeira edición presencial da liga de CeibaRimas. Cunha actuación sublime en todas as rondas, Big Meu deleitou o público e o xurado (composto por Wöyza, Nervo e Alba María) que finalmente decidiu outorgarlle a vitoria. Cun enxeño incríbel e un flow como poucos, Big Meu xa pode presumir de ser o primeiro gañador da liga CeibaRimas presencial.

O rapeiro Big Meu. (Foto: CeibaRimas)
O rapeiro Big Meu. (Foto: CeibaRimas)

Comentarios