venres 23/10/20

Os competentes “entroidos” da Galiza: Un dicionario para non se perder na festa máis satírica do ano

Domingo, luns e martes de Entroido, tres días para poñerlle final á festa de entrada na primavera e un mércores para chamuscar o ídolo pagán do Meco e darlle retranqueiro enterro a unha Sardiña, que como paradoxo debería “resucitar” na coresma da abstención das carnes. Entroido con ritual e tradición maior no vértice sur do interior, onde conflúen a Galiza lucense, asturicense e a bracarense, a de Manzaneda, o Bolo, Monterrei, a Limia...

Herri Bizia peliqueiro

Entroido diverso, competitivo entre parroquias, no almanaque, nos rituais e sobre todo nas diferenzas entre as tradicionais máscaras. Sen faltar novas incorporacións, comparsas, interpretacións dun mundo ao revés, desafiando medos, tentando a liberdade.

Así é que nun paseo polo mapa da Galiza atopamos máscaras que particularizan lugares, con nomes alusivos ao que significan ou portan. A un tempo que espertan tradicións, particularidades pagás, aletargadas polas censuras, os medos e o esquecemento... Tradicións orixinarias e importadas e innovación a sumar a unha festa antiga, en relación co ciclo agrario.

Recursos tradicionais que tanta vida supoñen, mesmo con eles se rescatan as palabras que os designan, ás veces deturpadas e co senso orixinal perdido, entre intromisións e innovacións.

E así, nesa variedade de máscaras masculinas, por representar a forza indómita do monte, do instinto, namentres a muller prepara e anima os escenarios da festa, incorporándose nas derradeiras décadas, vestindo calzóns, polainas, chocas e cornos... en moitas ocasións cubertos cun exótico mantón de Manila ou de Caxemira, herdo da concesión feminina, noutras de flocos, volantes, espellos... e nas mans un báculo, fusta ou vexiga coa que facer estrondo e marcar presenza... entre o abuso da fariña, da manteiga en relación coa fecundidade... Complementos entre os que mesmo estará o nome xenérico da máscara.

Mascaradas, unhas feras, propias do Entroido, outras danzantes, entre ritos, músicas e cánticos que complementaban antigas cerimonias relixiosa... pero, como tantas outras tamén rematarán verténdose no escaparate festivo e identitario do Entroido.

Máscaras que son un canto á fecundidade, á liberdade creativa, catarse en relación coa forza bruta do monte, do instinto que acometen ao mundo urbano, corrompido tamén, entre vergallos, fariña, enlardados de manteiga, de feluche... E velaí nomes de máscaras diferentes:

Anxeos. Poida que en relación con “angelus” (os que anuncian ). Vestidos e cubertos de saco e con chocas ao cinto, a danzar... de Parada de Sil.

Bonitas. Cubertas de exóticos mantóns, con relacións precolombinas. Propios de Cartelle.

Boteiros. Nome quizais en relación con “butio” (bramido) ou coa bota ou vexiga que portan sobre o báculo, ou mesmo tamén con “butyrum”, é dicir, manteiga. Máscaras caracterizadas polo gran tocado floral e camisa de cintas pregadas. Representativas de Viana do Bolo.

Cabreiros. Alusión aos pegureiros montañeses de Muíños.

Carolos e Vexigueiros e Policaepo. De Saamede nas Mariñas de Paderne á Coruña.

Charrúas, Charrelos. En relación co carro. Dábaselle este nome aos antigos indios riopratenses da Patagonia andina... Influencias levadas e traídas. Os primeiros do Entroido de Allariz, de traxes brancos cubertos de mantón. Os segundos da Veiga.

Choqueiros e Chocalleiros. Repartidos por toda Galiza, os que portan ao cinto as chocas, chocallas ( que chocan ou tanxen), esquilas, axóuxeres, campaíñas... Para, como tantas cousas, “aculturarse” e rematar asociándose con calquera disfrace: os “choqueiros” na Coruña.

Cigarróns. Quizais en relación co grupo prerromano dos Cigurros, asentados no entorno da Rúa aínda que máscara propia das terras de Verín, ou quizá mellor co dos Cimarróns.

Cimarróns. Son os animais que foxen da domesticación e volven ao monte a se asilvestrar. Nas colonias de Latinoamérica chamábaselles así aos escravos negros que fuxían do seu cativerio.

Entridos. Chaman así as máscaras de moitas das aldeas da serra do Xurés.

Felos. Pode que do verbo “felio” (berrar) ou quizais teña a ver con felón, infiel. Con flocos, cintas de cores prendidas en todo o traxe. Tradición propia das terras do Carballiño... neste caso, montados a cabalo.

Follateiros. Cubertos de follas murchas da mazaroca do millo. Propios de Lobios.

Gaimanchiños. Verba do portugués “gamao”, pillabán. Demos das festas medievais betanceiras.

Gárgolas. En alusión aos monstros representados na arquitectura barroca. De Celanova.

Galos. Anunciadores do Entroido da Merca.

Irrio. Máscara, símbolo pagán, quizais Baco, de cerimonias relixiosas de Castro Caldelas.

Labardeiros. De Toén e Mugares.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Os competentes “entroidos” da Galiza: Un dicionario para non se perder na festa máis...
comentarios