domingo 24/10/21

Inicia na Coruña a XI edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico

A programación do festival (S8), que une proxeccións e actividades presenciais con contidos online accesíbeis desde calquera parte do mundo, dá comezo este domingo 27 de setembro na cidade da Coruña e prolongarase até o día 3 de outubro.
Presentación da XI edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico (Imaxe: María Meseguer)
Presentación da XI edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico (Imaxe: María Meseguer)

Ademais do cinema experimental de figuras internacionais como Amy Halpern ou Tomonari Nishikawa, o (S8) Mostra de Cinema Periférico prestará na súa undécima edición, que principia este domingo 27 de setembro, unha especial atención ao cinema galego máis recente, coas súas tradicionais seccións de Sinais en curto e o Foco Sinais que este ano estará dedicado a Adrián Canoura.

A mostra inicia ás 19 horas deste domingo na Domus da Coruña coa sesión Falar por non calar, protagonizada por Antón Reixa e Antonio Segade. En primeiro lugar, poderase gozar dunha selección das súas pezas comisariada polo escritor, crítico e director Jordi Costa, que tamén estará presente para moderar o posterior coloquio.

Reixa e Segade levarán a cabo dúas videoperformances en directo co propósito de recuperar o espírito que xa mostrara o primeiro no grupo de comunicación poética Rompente.

Unha hora antes, ás 18h00, emitirase de maneira online o programa Falar por non calar, realizado en exclusiva para esta edición da Mostra e que estará dispoñíbel desde a web do festival. A conversa entre Reixa, Segade e Costa estará seguida por esa mesma selección de pezas a modo de colaxe.

Programación

A programación do festival até o próximo 3 de outubro complétase con varias seccións arredor da temática das flores e o mundo vexetal no cinema, con espazos como Xardíns secretos ou A flor do día, que trasladan a idea do xardín a través de pequenos ramalletes de películas que falan a linguaxe universal da natureza.  

Dentro dos contidos online que ofrecerá a Mostra atópanse novos formatos como Camera Obscura, un programa co que se quere dar a coñecer o proceso creativo e o mundo interior dunha serie de cineastas como Amy Halpern, Alexandre Larose, Tomonari Nishikawa ou Valentina Alvarado.

O traballo de novos cineastas galegos como Alberte Pagán, Aldara Pagán, Area Erina, Tono Mejuto e Lara e Noa Castro poderá verse dentro de Sinais en curto.

As accións presenciais entrarán en xogo a partir desta quinta feira, 1 de setembro, coa visita da portuguesa Tânia Dinis, que levará a cabo unha performance en vivo.

Pola súa banda, na xornada seguinte, Valentina Alvarado e Carlos Vásquez protagonizarán unha sesión de Desbordamentos na Fundación de Luís Seoane. Esta singular edición clausurarase desprazando o cinema ás rúas da cidade, coa performance de Miwa Matreyek que será proxectada sobre distintos muros e fachadas da Coruña.

comentarios